A gripe segue cunha incidencia estable en Galicia

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A taxa de consultas por gripe nos servizos de atención primaria baixa un 7 % respecto da semana previa
vacina-gripe-narcolepsia-20110208-original6
16 Feb 2025

A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á sexta semana do ano que indica que a intensidade da gripe continúa sendo baixa, mantendo unha tendencia estable.

Segundo os datos, a taxa de consultas por gripe nos servizos de atención primaria baixa un 7 % respecto da semana previa e fica en 52,1 consultas por 100.000 habitantes.

O descenso da taxa obsérvase en todos os grupos de idade agás o de 60 a 79 anos, no que se mantivo estable, e de maiores de 80 anos, en que aumentou un 30 %. O grupo con maior taxa de consultas continúa a ser o de 5 a 19 anos, con 110 por 100.000 habitantes.

Segundo os datos remitidos á Dirección Xeral de Saúde Pública por parte da rede de farmacias sentinelas, as taxas de dispensación de antigripais presentaron un lixeiro aumento, mentres que as de probas de antíxenos mantivéronse estables.

En canto aos ingresos hospitalarios, na sexta semana do ano ingresaron 129 persoas con gripe confirmada, un 19 % menos que na semana anterior. A taxa de ingresos no conxunto da poboación foi de 4,8 por 100.000 habitantes, sendo o grupo de maiores de 80 anos o que presentou a taxa máis elevada. Por áreas sanitarias, a taxa de ingresos só aumentou na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos. No que vai de temporada, notificáronse 1.165 ingresos, a maioría deles, 879, con virus do tipo A.

Respecto da positividade das mostras estudadas para virus do tipo A, na semana 6 foi do 16,1 %, o que supón un aumento respecto da semana anterior, que foi do 14,8 %. A positividade das mostras estudadas para virus do tipo B foi do 5,1 %, polo que a positividade dos virus da gripe (sen diferenciar tipo) foi do 20,9 %, similar á da semana anterior (20,5 %).

Evolución covid e VRS

O informe de actividade das infeccións respiratorias agudas indica que a razón de casos por médico de covid-19 mantívose estable e que a taxa de consultas descendeu un 18,4 %.

Pola súa banda, no que atinxe ao virus respiratorio sincitial (VRS), a taxa de ingresos no conxunto da poboación foi de 1,0 ingresos por 100.000 habitantes, un dato inferior ao da semana anterior. No referente a consultas por bronquiolite en menores de 2 meses, só se rexistraron dúas consultas nos últimos días.

Estimación

Segundo se recolle no informe, a estimación puntual do modelo de predición da Consellería de Sanidade suxire que, nas vindeiras dúas semanas, a taxa de consultas por gripe descenderá de 52,1 consultas por 100.000 habitantes a 45,6 e 40,8 consultas por 100.000 habitantes nas semanas 7 e 8, respectivamente.

A situación que se observa en Galicia en canto á onda de gripe é semellante ao que acontece no conxunto do Estado, cun descenso das taxas de consultas por gripe a nivel global.

A Xunta lembra a recomendación do uso da máscara en pacientes con síntomas respiratorios, ademais dos seus acompañantes e visitas, e no caso dos profesionais que os atenden, así como en determinados grupos de risco ou dispositivos asistenciais como poden ser as urxencias hospitalarias.

0.17445611953735