A Hedreira acolle unha charla sobre a OTAN e a presenza militar na provincia de Lugo

O Centro Social A Hedreira acollerá esta tarde de martes, 10 de xuño, ás 20:00 horas, a charla titulada “Coa OTAN e a guerra na porta da casa”, impartida por Carlos Portomeñe, membro de Esquerda Unida.
O encontro servirá para abordar a presenza da OTAN na provincia de Lugo, facendo especial fincapé no uso do aeródromo de Rozas con fins militares, así como noutras cuestións relacionadas coa militarización e os conflitos armados próximos.
A actividade enmárcase na liña de reflexión crítica promovida polo colectivo, co obxectivo de achegar información á veciñanza sobre temas que afectan directamente ao territorio galego desde unha óptica política e social.