A Hedreira celebra os xoves 13 e 20 de marzo unhas xornadas divulgativas baixo o lema 'Da Universidade á sociedade'

O centro social autoxestionado A Hedreira, en Lugo, celebrará os xoves 13 e 20 de marzo unhas xornadas divulgativas baixo o lema 'Da Universidade á sociedade', unha iniciativa aberta que busca dar visibilidade a diferentes traballos de investigación que, ata o de agora, non atoparan espazo para seren compartidos co público.
A actividade dará comezo ás 18.00 horas e está concibida como un espazo para aprender, conversar e poñer experiencias en común, promovendo o coñecemento colectivo e a interacción entre persoas de distintos ámbitos.
A organización destaca o seu interese por achegar á sociedade investigacións que, malia a súa relevancia, moitas veces fican esquecidas nos caixóns, tanto se son traballos académicos como doutros ámbitos.
A xornada desta tarde contará cun programa diverso que abordará distintas temáticas: ás 18.00 horas terá lugar a charla Psiquiatría e tolemia na España do século XX, seguida ás 18.30 de Arqueoloxía urbana e dereito á cidade; tras un pequeno descanso, ás 19.15 presentarase Capitalismo e reprodución social, ás 20.00 será a quenda de Perda de biodiversidade gandeira: o caso da Rubia Galega, e ás 20.30 pecharase a sesión con Contaminación por microplásticos: magnitude e efectos.
A programación do día 20 aínda está aberta, polo que desde A Hedreira animan a todas aquelas persoas con traballos interesantes, sexan académicos (TFG, TFM, tese, PFC…) ou de outro tipo, a participar.