A historia monetaria de Galicia protagonista dunhas xornadas do Museo Provincial

LugoXa
A numismática centrará as Xornadas de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense, que se celebrarán en abril
Xornadas moeda galicia
21 Mar 2023

A numismática centrará a VI Xornadas de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense, que se celebrarán os vindeiros días 14 e 15 de abril no Pazo de Marcos baixo o título A moeda en Galicia desde a caetra ata o euro. 

A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro e as persoas coordinadoras da xornada, a directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, e o doutor en Historia e experto en numismática Pablo Núñez Meneses, presentaron o programa, que aborda, desde distintas perspectivas, o contexto e a historia monetaria galega e que reúne especialistas das universidades galegas, do Museo Arqueolóxico Nacional e do Museo Nacional de Arte de Catalunya.

As xornadas permitirán trasladar a sociedade a importancia da numismática como ferramenta útil nos estudos históricos e arqueolóxicos e poñer en valor a colección do Museo Provincial de Lugo que, con máis 10.000 exemplares de moedas e medallas, é unha das de maior interese de todo o Estado.

No acto, no que tamén participaron Antonio Roma, Enrique Alcorta,  Mª Ofelia Carnero e Encarna Lago, membros do comité científico, Maite Ferreiro lembrou que “a Vicepresidencia da Deputación de Lugo segue a traballar na adquisición do sestercio da caetra para que esta moeda única pase a formar parte da colección do Museo Provincial de Lugo e polo tanto do patrimonio público”  e explicou que “as xornadas se inscriben na labor de difusión do valor do patrimonio , que cremos que deben acompañar este tipo de iniciativas”.

Aurelia Balseiro explicou que “interpretar as moedas no contexto das culturas e períodos históricos do Noroeste peninsular desde a Antigüidade ata os nosos días, contribúe visualizar que son pezas especialmente relevantes para o estudo da economía, sociedade, relixión, política, iconografía ou da arte. Polo tanto, o programa amosado non só está dirixido á comunidade científica senón tamén a todos os interesados no tema, estudantes, afeccionados, traballadores de museos, coleccionistas, docentes ou guías turísticos”.

A participación na xornada require inscrición previa, a través do formulario dispoñible na web  www.redemuseisticaluga.org. Para obter o diploma acreditativo, será preciso asistir ao 75% das sesións.

0.14334106445312