Reducen á metade os festivos nos que o ocio nocturno de Lugo amplía o seu horario
O Goberno local adecúa o número de festividades con ampliación de horario de lecer nocturno a pedimento do tecido veciñal da cidade. Ata o momento, esta prolongación da apertura durante dúas horas máis estaba permitida nun total de 13 ocasións ao longo de todo ano, que agrupaban distintas celebracións e festivos.
A partir de agora, ese uso extraordinario queda establecido na metade das citas anuais. Deste xeito, para o que queda de 2024 os hostaleiros poderán prolongar a apertura en Arde Lucus, durante o Caudal Fest, San Froilán e a Hispanidade, a madrugada de Todos os Santos e nas xornadas do Nadal.
O obxectivo desta medida, moi demandada pola veciñanza, é compatibilizar esta actividade económica e o dereito ao lecer co lexítimo e necesario descanso das persoas residentes, especialmente naquelas zonas que rexistran unha maior concentración de locais. Se ben, as noites enmarcadas nas festas máis celebradas pola cidadanía seguirán contando cunha ampliación no horario de peche do lecer nocturno co obxectivo de compatibilizar do xeito máis equilibrado posible o uso hostaleiro co residencial.