A hostalaría poderá manter as terrazas actuais ata a entrada da nova Ordenanza

LugoXa
A hostalaría local poderá manter as terrazas nos seus emprazamentos actuais co fin de paliar os complexos momentos económicos que atravesa o sector debido ao incremento da inflación.
terrazas bares hostalaria
31 Dec 2022

A hostalaría local poderá manter as terrazas nos seus emprazamentos actuais co fin de paliar os complexos momentos económicos que atravesa o sector debido ao incremento da inflación.

Unha medida que terá carácter extraordinario e temporal, mentres non entra en vigor a nova Ordenanza municipal que regulará a homoxeneización destas instalacións e que, en todo caso, estará suxeita ao estrito cumprimento das limitacións espaciais que garantan a accesibilidade nas rúas.

Lara Méndez abordou nun encontro con representantes da APEHL os termos do novo bando de Alcaldía que se publicará nos próximos días para dar oficialidade a esta decisión que a propia rexedora enmarcou na “prioridade de garantir a viabilidade dun sector crucial para o PIB local que sustenta as economías de numerosas familias da cidade, de maneira que, en primeira instancia, debemos protexer eses postos de traballo sempre en consonancia co debido respecto e consideración á convivencia veciñal”, salientou.

Deste xeito, a alcaldesa avanzou tamén que xa está a organizar coa Policía Local os operativos de vixilancia e control que se porán en marcha a partir do 1 de xaneiro para supervisar con rigorosidade que se están a acatar as delimitacións establecidas, “evitando que as terrazas se excedan ou fagan unha ocupación abusiva da vía pública que afecte ao tránsito peonil ou á súa seguridade, de aí que tamén acordaramos que o mobiliario deberá recollerse cando non se estea utilizando”.

“É indubidable que as tendencias do consumo no exterior dos locais viñeron para quedarse e na necesidade de adaptarnos a esa realidade social actual e vindeira temos tamén a obriga de conxugar axeitadamente os novos hábitos e a subsistencia empresarial co dereito da veciñanza a moverse libremente e sen perigo pola cidade. Un aspecto que rexerá de forma primordial esta concesión”, aseverou Lara Méndez.

A rexedora insistiu en que a medida se manterá ata que entre en vigor a Ordenanza que regulará a configuración estética deste tipo de instalacións, “cuxo borrador – adiantou– está xa moi avanzado e ao que agardamos poder incorporar en breve ás suxestións e achegas que realice o sector, moi interesado tamén en dispoñer canto antes do novo marco legal”.

“Semella evidente que mentres dita normativa non se culmina, podería ter un efecto pernicioso sobre a súa recuperación económica o drástico levantamento de actuacións que tiveron funcionado con éxito, botando ao traste os esforzos realizados pola Administración local no seu apoio e entre os que se inclúen, alén dos anteriores permisos concedidos, axudas directas ou a realización de programas formativos”, lembrou a alcaldesa.

Xa para rematar, Lara Méndez recordou que o próximo exercicio a hostelería volverá estar suxeita de novo, logo dunha exención de tres anos, ao pagamento da taxa municipal correspondente que, trala revisión do estudo de custos polo que se rexe, a mantén como unha das máis accesibles de todas as grandes capitais galegas.

0.17632412910461