A III fase do polígono das Gándaras licitarase por máis de 1,6 millóns de euros

LugoXa
Investiranse máis de 1,65 millóns de euros nas obras de urbanización da terceira fase do parque empresarial das Gándaras, en Lugo.
poligono das gandaras ampliacion 3
2 Ago 2021

Investiranse máis de 1,65 millóns de euros nas obras de urbanización da terceira fase do parque empresarial das Gándaras, en Lugo, despois de que o consello de administración da empresa pública Xestur autorizase a licitación da actuación.

Esta nova fase será a segunda ampliación do parque empresarial e ocupará unha superficie total de 55.768 m2, dos que 35.434 serán de uso industrial e comercial, repartidos en 27 parcelas con superficies que oscilarán entre 945 e 5.200 m2.

A meirande parte das parcelas resultantes terán entre 945 e 1.200 m2, que son as máis demandadas nas Gándaras, e so dúas superarán esa superficie: unha de 2.700 e outra de 5.200 m2.

Segunda fase

Cómpre lembrar que actualmente se están a executar as obras de urbanización da segunda fase do parque empresarial das Gándaras, que afectan a un total de 97.691 m2 de solo e dos que 45.190 corresponden a parcelas.

Ao rematar esta segunda fase obteranse un total de 12 parcelas, das que 9 teñen unha superficie de 1.000 m2 cada unha e as outras tres dispoñen de 25.000, 8.990 e 2.300 m2, respectivamente. Ademais, as obras desta fase inclúen unha zona de aparcamento de 20.000 m2, que aloxará 384 prazas, e unha praza pública.

A actuación foi adxudicada no pasado mes de outubro por algo máis de 2,6 millóns de euros e prevese o remate das obras despois deste verán.

Polo tanto, o investimento nas Gándaras nos últimos meses, entre a segunda e a terceira fase, suma preto de 3,3 millóns de euros para máis de 150.000 m2.

Por outra banda, tamén, neste parque empresarial, acábase de adxudicar unha nova parcela a unha empresa do sector do transporte sanitario, cunha superficie de 4.721 m2 e un prezo de venda de 225.000 euros, despois de aplicárselle unha bonificación do 50 %.

parque empresarial gandaras planos
0.21057605743408