A III Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais reunirá a 11 mulleres referentes
A institución provincial arranca este xoves, 23 de novembro, a programación con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller cun coloquio aberto á cidadanía que terá lugar pola tarde no Pazo de San Marcos.
O Pazo de San Marcos acolle este xoves a III Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais, o primeiro dos actos que organiza a Deputación de Lugo con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Un foro que, nesta edición, promove a institución provincial xunto con Radio Lugo-Cadena Ser, pois enmárcase no ciclo Con Voz de Mujer co que conta a emisora a nivel nacional. Reunirá a 11 mulleres referentes con diferentes profesións e experiencias vitais, vinculadas a institucións, a empresa, a cultura, a educación, a xustiza e o feminismo.
A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, lembrou que a Deputación arrancou este foro de debate e reflexión arredor da igualdade hai agora tres anos, “cada edición dándolle unha perspectiva algo distinta, e nesta ocasión faremos diferentes mesas de debate que poden ser moi positivas para a reflexión colectiva, polo que convido á sociedade da provincia a que se una e asista porque será moi enriquecedor”.
A iniciativa xurde do compromiso da Deputación de impulsar a igualdade dende unha perspectiva transversal en toda a súa acción de goberno, porque “é unha loita que nos debe implicar a todos e a todas como sociedade, e na que radica a clave para avanzar na erradicación das violencias machistas”.
Programa
A III Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais organízase este ano incluíndo o foro no programa Con Voz de Mujer que unha emisora nacional realiza en diferentes partes do país co mesmo propósito. A tarde arrancará ás 19:00 horas coa apertura da xornada e a continuación desenvolveranse mesas de debate no que participarán once mulleres, como se detalla a continuación:
Apertura da xornada
- Marisol Morandeira, deputada de Muller e Igualdade
- Laura Seara, exsecretaria de Estado de Igualdade
Feminismo, onde estamos?
- Lara Méndez, alcaldesa de Lugo
- Ana Belén Traseira, directora da UNED de Lugo
- Ana Corredoira, gandeira
- Carmen Lence, CEO do Grupo Lence
Violencia de xénero. Si, hai saída
- Dolores Varela, Foro Feminista de Lugo
- Marta Engroba, presidenta de Si, hai saída
- Sandra Piñeiro, xuíza
O rol feminino na cultura galega
- Olga Osorio, directora de cine
- Sheila Patricia, cantautora
Peche da xornada
- José Tomé Roca, Presidente da Deputación de Lugo
Para asistir á xornada é preciso retirar as invitacións no Pazo de San Marcos, debido á limitación de espazo que ten o Salón de Actos. Pódense solicitar, de balde, no Servizo de Protocolo, e está habilitado o teléfono 982 26 01 34 para facer reservas e aclarar calquera cuestión arredor desta iniciativa.
En Camiño contra as Violencias
A Deputación completará a súa programación o venres, 25 de novembro, coa sétima edición da andaina reivindicativa En Camiño contra as Violencias, que sairá ás 12:30 horas dende o Pazo de San Marcos para rematar no Centro de Formación Audiovisual da Deputación. Unha acción coa que a institución provincial quere involucrar á sociedade lucense para condenar os feminicidios e os ataques e asasinatos ás mulleres.
Está organizada polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación e será encabezada polo Presidente provincial xunto ás Deputadas e Deputados. Percorrerá o centro da cidade, dende a praza de San Marcos ata a escola, na rúa Frei Plácido Rei Lemos, facendo varias paradas sinaladas con fume negro. Os estudantes portarán unhas bolsas negras que representan os cadáveres das vítimas da violencia machista.
Durante a andaina, o alumnado pedirá a colaboración da veciñanza para que participe mediante uns papeis aos que prenderán lume ao remate do camiño, con paradas en puntos estratéxicos do centro da cidade para a realización de accións reivindicativas moi visuais.
A maiores, está previsto que da fachada do Pazo de San Marcos se despregue unha gran pancarta coa mensaxe Non é non para simbolizar a denuncia e enérxica repulsa da institución ás violencias machistas.
Así mesmo, a campaña da Deputación en favor da igualdade entre mulleres e homes involucra aos concellos da provincia de Lugo. Por iso, distribúe estes días entre as entidades locais diverso material reivindicativo para sensibilizar e concienciar á cidadanía na loita contra as violencias machistas.