A ilustradora Rebeca Losada debuxa ao vivo na praza de San Marcos

LugoXa
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo organiza este mércores na Praza de San Marcos unha demostración de debuxo a cargo da ilustradora lucense Rebeca Losada.
FOTO REBECA LOSADA
3 Abr 2024

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo organiza este mércores na Praza de San Marcos unha demostración de debuxo a cargo da ilustradora lucense Rebeca Losada. Trátase dunha actividade orientada ao público, na que a ilustradora realizará ao vivo, a partir das 13.00 horas, unha ilustración alusiva ao Día da Ilustración e a Chichi Campos, homenaxeado este ano.

A proposta forma parte do programa IlustrarNÓS coa que queren “afondar na socialización e no recoñecemento de creadores e creadoras galego deste eido artístico, como é Rebeca Losada”, asegura a deputada de Cultura Iria Castro.

O programa púxose en marcha no pasado mes de xaneiro coa colaboración de centros educativos da provincia, que acollen diferentes actividades relacionadas co deseño e ilustración. Os centros de primaria acollen obradoiros de creación de fanzine a partir da figura de Chichi Campos a cargo de 7H Cooperativa Cultural. Os de secundaria, charlas coa propia Rebeca Losada que esta mañá realizou a primeira no IES Pedregal de Irimia de Meira.

0.14569497108459