A importancia dos centros expositivos que dan a coñecer o pasado romano de Lugo

LugoXa
Falamos con Enrique Fernández, arqueólogo do Concello de Lugo desde 1986, sobre a importancia da arqueoloxía e a conservación do patrimonio urbano
oficina turismo lugo
17 Sep 2025

Jessica Fernández

A arqueoloxía desempeñou ao longo da historia un papel esencial na comprensión da humanidade. A través do estudo de restos materiais, estruturas e obxectos, reconstrúense civilizacións, costumes e formas de vida. En cidades cun pasado tan rico como Lugo, a arqueoloxía convértese nun vínculo tanxible entre o presente e un legado milenario que segue vixente.

Enrique Fernández é arqueólogo do Concello de Lugo dende o ano 1986, cando comezou a traballar na cidade participando nas escavacións dos aparcadoiros subterráneos baixo a dirección do profesor Antonio Rodríguez Colmenero. Actualmente, exerce como arqueólogo do Servizo Municipal de Arqueoloxía, cunha traxectoria vencellada á investigación e posta en valor da cidade romana de Lucus Augusti. Colaborador en diferentes publicacións, cursos, simposios e congresos, foi tamén membro do equipo redactor da Memoria que permitiu a declaración da Muralla Romana de Lugo como Patrimonio Mundial no ano 2000.

O estudo e preservación da Muralla permitiu á cidade abrir un diálogo cos seus habitantes e visitantes a través do Centro de Interpretación da Muralla, situado na praza do Campo. A planta baixa acolle a zona de recepción do visitante e a Oficina Municipal de Turismo, mentres que nas plantas superiores desprégase un percorrido que revela os segredos construtivos da Muralla, a súa historia e as súas múltiples funcións ao longo dos séculos. O centro permite comprender non só a dimensión arquitectónica senón tamén a relevancia da Muralla na vida cotiá dos antigos lucenses.

Para o arqueólogo municipal de Lugo, os centros expositivos que conservan restos arqueolóxicos in situ “amosan estes elementos de forma divulgativa, con restos ben musealizados, e acompañados de información que permite coñecer como eran e como se vivía na cidade. O valor destes restos radica en que nos permiten entender mellor a cidade romana; ter restos arqueolóxicos permite unha comprensión máis directa e fonda. Ademais, constitúen un recurso cultural e turístico de gran relevancia para Lugo. Estes elementos engaden un valor á cidade tanto como recurso turístico como cultural, porque permiten á cidadanía e aos visitantes entender que, máis alá da impoñente muralla, existía unha cidade viva, cuxos restos permiten observar como era a vida urbana na época romana, o tipo de construcións que se realizaban e como vivían os seus habitantes”. Porén, recoñece que a cidade “tivo a sorte de atopar restos que foi posible conservar, porque non sempre é factible debido ás características dos vestixios, á súa localización ou ao seu estado de conservación. Por exemplo, no Domus Mitreo atopáronse restos en moi bo estado porque estaban cubertos por un recheo de máis de seis ou sete metros xunto á muralla, o que permitiu a súa conservación. En cambio, en Santo Domingo, os restos están moi superficiais, a medio metro ou un metro, o que fai inviable a súa conservación a longo prazo”, comenta.

OUTROS CENTROS EXPOSITIVOS

Como comentaba Enrique Fernández, o Museo Universitario A Domus do Mitreo, que xorde a raíz das escavacións arqueolóxicas realizadas durante a construción da sede do Vicerrectorado do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela no antigo Pazo de Montenegro en 1998, revelou a presenza de restos romanos que obrigaron a replanificar os traballos e levar a cabo diversas campañas entre os anos 2000 e 2007. A escavación abarcou unha superficie de uns 600 metros cadrados e permitiu recuperar parte dunha domus romana e dun Mitreo privado, ademais de coñecer a base da Muralla Romana ata os seus cimentos. Un dos aspectos máis singulares deste museo é que ofrece a única visión en Lugo da Muralla Romana ata os seus cimentos, grazas a unha escavación que profundou sete metros por baixo do nivel actual da cidade. Isto permitiu estudar a súa estrutura e métodos construtivos.

Outro referente destacado é a Sala de Exposicións Porta Miñá, situada nun antigo matadoiro rehabilitado fronte á porta que lle dá nome ao espazo. Esta sala alberga unha exposición permanente dedicada ao Lugo romano, organizada en catro bloques que percorren as súas orixes, o seu esplendor, a fortificación da cidade e o seu declive. Grazas a un uso estratéxico de elementos gráficos e unha ampla colección de obxectos cotiáns, os visitantes poden mergullarse na vida da cidade entre o século I a.C. e finais do século V d.C., comprendendo tanto a organización urbana como as prácticas sociais, comerciais e culturais dos seus habitantes.

O Centro Arqueolóxico San Roque constitúe outro punto clave para entender o desenvolvemento de Lugo durante a época romana. Situado a escasos metros da Muralla e xunto ao trazado do Camiño Primitivo a Santiago, este conxunto integra os restos dun cemiterio romano, un estanque cultual e un forno cerámico tardío. As tombas conservadas mostran prácticas funerarias de incineración e inhumación ao longo de cinco séculos, mentres que o estanque de opus caementicium e o forno atestiguan tanto a dimensión relixiosa como industrial da zona.

A Casa dos Mosaicos, coñecida como Domus Oceani, ofrece unha visión da vida da elite romana en Lugo. Descuberta en 1842 grazas ao seu célebre mosaico coa cabeza do deus Océanos, a domus data de finais do século III ou principios do IV d.C. Os seus espazos, que inclúen un gran oecus, un triclinium con sistema de calefacción hypocaustum, un patio interior e diversas estancias menores, amosan un elevado nivel de sofisticación arquitectónica e decorativa. Os mosaicos e vestixios de pintura mural permiten apreciar a riqueza artística da cidade e a importancia das residencias señoriais na configuración urbana e social de Lucus Augusti.

O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) representa a aposta contemporánea por achegar a arqueoloxía e a historia á cidadanía. O MIHL fusiona arquitectura e paisaxe nun concepto de museo-parque que integra recursos audiovisuais, maquetas interactivas e paneis informativos. Entre as súas pezas atópase un monólito granítico coa inscrición fundacional da cidade, erixido por Paulo Fabio Máximo en honra ao emperador Augusto, así como unha máscara teatral de terracota e un conxunto de obxectos epigráficos e cerámicos.

O TRABALLO DO ARQUEÓLOGO

Por outra banda, para levar a cabo unha actuación de tipo arqueolóxico en Lugo, o  departamento de Arqueoloxía do Concello de Lugo é o encargado de determinar se é necesaria e de que tipo a través dos informes. “Que haxa ou non unha intervención arqueolóxica nunha obra está regulado pola normativa urbanística”, explica. No ámbito do PEPRI, Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior do Recinto Amurallado de Lugo e a súa Zona de Influencia; “calquera obra suxeita a licenza que implique movementos de terra require a realización dunha intervención arqueolóxica”. Así, concreta, dentro do PEPRI, “todo o que se atope dentro da muralla, así como na súa zona de influencia, obriga por defecto a realizar unha intervención arqueolóxica. É necesario, por tanto, aclarar o tipo de intervención e elaborar un informe detallando todo o que se atopa no terreo, e iso está sometido á valoración de Patrimonio da Xunta, que é a autoridade que autoriza e permite, en última instancia, a continuidade das obras. Neste procedemento, actuamos como intermediarios entre o promotor e a Xunta, que é a que autoriza, e a licenza municipal queda condicionada a esa autorización. O promotor é o responsable de asumir o proxecto arqueolóxico, contratando un arqueólogo que redacta e executa o proxecto, e emite o informe. A partir deste, podemos dar continuidade ás obras e, unha vez autorizado por Patrimonio, emítese a licenza para executar o proxecto. En definitiva, no caso do Recinto Amurallado, calquera intervención sempre require unha actuación arqueolóxica”, comenta.

Pero o traballo do arqueólogo municipal non remata aí, tamén se desenvolve un importante traballo de divulgación, orientado a dar a coñecer o patrimonio arqueolóxico e a concienciar á cidadanía sobre o seu valor como recurso cultural, non só turístico. “Para iso, editamos publicacións do Concello, elaboramos libros de divulgación de carácter arqueolóxico e organizamos actividades, como exposicións ou folletos informativos”. Así mesmo, existe un labor investigador ligado tanto ao interese propio do arqueólogo como á necesidade de ampliar o coñecemento do Lugo romano. “Trátase de afondar no que nos achegan as escavacións arqueolóxicas e na información que proporcionan sobre o tipo de construcións, a súa localización e a configuración da cidade romana en conxunto. Este traballo de carácter científico dáse a coñecer en congresos, simposios ou publicacións, mais tamén resulta útil no día a día, pois permite avaliar a potencialidade arqueolóxica dun lugar antes de autorizar unha intervención. Deste xeito, coñecer a localización dos principais elementos da cidade, como o foro, os barrios artesanais, as necrópoles ou as zonas residenciais é esencial para reconstruír a cidade romana”, destaca. Ademais, o departamento participou en proxectos europeos, como foron o proxecto Muralla Dixital ou o proxecto Vías Atlánticas, centrados en ámbitos específicos de investigación e posta en valor.

A IMPORTANCIA DA ARQUEOLOXÍA

“A escavación arqueolóxica ten un valor importante porque permite recuperar restos que dan a coñecer como era a cidade e un patrimonio cultural que se pode poñer en valor, como se fixo con restos expostos en espazos públicos e privados que enriquecen e aportan un valor engadido á propia cidade. Ao mesmo tempo, constitúe un elemento que nos axuda a comprender a historia urbana. Sabemos que antes de executar unha obra ou de afrontar calquera intervención é preciso realizar a escavación arqueolóxica. Pode darse a situación de que os restos atopados non estean ben conservados ou non teñan un valor evidente, pero isto non pode servir como xustificación para non realizar a obra. A arqueoloxía ás veces utilízase como escusa para paralizar determinadas intervencións ou xustificar atrasos, mais ese non debe ser o caso”, subliña Enrique Fernández.

“A premisa é preservar os restos arqueolóxicos”

Con respecto ás obras e os atrasos, volvemos a mirada cara ás polémicas obras de peonalización do casco histórico de Lugo e preguntámoslle sobre como influíron as escavacións arqueolóxicas no seu desenvolvemento; ao que o profesional contesta que “a empresa que executou estes traballos contratou un equipo arqueolóxico para facer un seguimento constante, dado que se trata dunha zona de potencialidade arqueolóxica, co obxectivo de controlar e supervisar que non se producira ningún dano de carácter arqueolóxico. Sempre que aparecía algún resto, procedíase a documentalo e intentar protexelo. Por tanto, realizouse un traballo previo de información valorativa para determinar que se pode atopar na zona. Contamos con suficientes datos para estimar máis ou menos as áreas nas que poden aparecer restos, aínda que, loxicamente, sempre hai elementos inesperados. Neste caso, ao ser necesaria a apertura de toda a rúa, é normal que nalgún punto onde non se alterou o subsolo permanezan restos arqueolóxicos. Esta é a función do arqueólogo encargado da supervisión: documentar os achados para evitar que se produzan retrasos posteriores.

O resultado depende do traballo que realice o arqueólogo contratado pola empresa e da coordinación que manteña con esta”. Así, di que o labor desde o departamento de Arqueoloxía do Concello é “comprobar que os proxectos se están executando tal como foron aprobados e autorizados, evitando calquera tipo de dano, asegurando que o proceso arqueolóxico se documenta correctamente e que se realiza de forma adecuada. Cando se detecta un achado de gran importancia, cómpre analizar alternativas porque sempre hai que preservar os restos arqueolóxicos. Se non existe compatibilidade entre o resto arqueolóxico e a instalación prevista, porque non hai espazo para situala, é necesario solicitar autorización a Patrimonio para, unha vez valorados os restos, proceder á súa desmontaxe e así poder continuar coa instalación. Este proceso xera en ocasións demoras, xa que require realizar a intervención, elaborar informes e agardar a autorización de Patrimonio. Porén, a premisa sempre é buscar solucións alternativas para evitar a destrución dos restos, preservalos e minimizar os retrasos na obra”.

Con todo, Enrique Fernández, arqueólogo do Concello de Lugo, valora moi positivamente o traballo feito nestes case 40 anos desde que comezaron as escavacións de forma sistemática. “Eu comecei no ano 1986, a raíz da famosa polémica dos aparcadoiros subterráneos e, nese momento, a arqueoloxía comezou a normativizarse na cidade. Desde entón, fíxose un grande avance, aínda que o ritmo depende en gran medida da evolución das obras, xa que as escavacións están vinculadas ás intervencións urbanísticas e non sempre existen proxectos propios para investigar. Aínda así, temos unha idea bastante clara da planimetría da cidade, diferenciando a cidade do século I, do século II, do século III ou do século IV, cando se construíu a muralla. Esta modificación foi substancial, xa que a muralla, feita tres séculos despois da fundación da cidade, cambiou de xeito significativo a súa estrutura. Coñecemos algúns elementos importantes do que era unha cidade romana, que segue un patrón: rúas cadradas, foros, espazos funerarios sempre nas aforas, zonas artesanais e barrios extramuros. Pero cada cidade ten as súas particularidades. En Lugo sabemos onde estaba o foro, na actual Praza Maior, así como o espazo de Acuña, que era a casa do concello, os templos e a catedral. Tamén coñecemos como eran as rúas, os sistemas de abastecemento e saneamento, a canalización das augas residuais, o tipo de industria que había, a localización dos cemiterios, algunhas das mansións máis importantes, as domus, pero seguramente existían moitas máis; e a aparición do Mitreo, que foi unha gran sorpresa, xa que este elemento non está presente por defecto en todas as cidades”.

Porén, sostén, “aínda queda moito por coñecer”, polo que o obxectivo principal é seguir “recuperando a información para trasladala a un plano sobre o que se vai reconstruíndo a xeometría da cidade, como un puzzle no que se van colocando pezas que poden ir cambiando a concepción da cidade a medida que se coñece máis. Lugo, se algo ten que ofrecer, é o seu rico patrimonio histórico, e quedan aínda cousas por facer, como o Museo da Romanización de Lugo, que resulta fundamental para poder ordenar e poñer en valor toda a información arqueolóxica dispoñible. Este proxecto debe ser unha iniciativa de cidade, valorada positivamente por todos, que actúe como contedor de elementos arqueolóxicos para divulgalos e dalos a coñecer, pero tamén como recurso turístico e como forma de canalizar e coordinar toda a investigación e os traballos arqueolóxicos que se realizan”, conclúe.

⚙ Configurar cookies
0.10931897163391