A información pública a ampliación do polígono do Corgo
Sae a información pública o Proxecto de Interese Autonómico para a Ampliación do Parque Empresarial do Corgo. Así o publicou onte o Diario Oficial de Galicia que explica que o Goberno da Xunta someterá é opinión da cidadanía este plan durante o prazo dun mes.
A ampliación do polígono do Corgo ocupará unha superficie total de 203.049 metros cadrados, dos que 118.244 metros corresponderán ás parcelas en que se divida. O orzamento previsto para a ampliación do parque empresarial supera os 8,5 millóns de euros, estando previsto que este mesmo ano se adquira o solo necesario por importe de máis de 1,24 millóns. Parte deste solo xa é propiedade de Xestur.
A licitación das obras de urbanización está prevista para o terceiro trimestre de 2022, por un importe de máis de 3,5 millóns de euros. Ademais, será necesario destinar máis de 3 millóns de euros ao servizos exteriores do parque —subministro eléctrico, abastecemento de auga e saneamento—. O resto do investimento corresponde a traballos técnicos e outros gastos.
Cómpre lembrar que o concello do Corgo xa dispón dun parque empresarial promovido por Xestur, que conta con máis de 92.000 metros cadrados de parcelas, que se atopan vendidas na súa totalidade.