A iniciativa EnRedando co Galego promoverá a lingua en catro centros da cidade
O tenente alcalde, Rubén Arroxo participou esta mañá, xunto con Lois Pérez e Leo Arremecaghona, na presentación da segunda edición da iniciativa EnRedando co Galego, organizada pola área de Cultura en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en varios institutos de Lugo. Rubén Arroxo afirmou que “con esta iniciativa buscamos repetir o éxito do ano pasado, e promover o uso do galego entre a mocidade, facilitando que as rapazas e rapaces participantes utilicen o galego para crear contido literario e artístico”. Nesta segunda edición, a iniciativa EnRedando co galego duplica o número de centros participantes, contando con 4 institutos de Lugo.
Rubén Arroxo explicou que “desde o Concello de Lugo buscamos colaborar en reverter a situación do galego no ensino e garantir o coñecemento da nosa lingua entre a mocidade”. Para o Tenente Alcalde, “esta actividade é un punto de encontro para que o estudantado de Lugo poida intercambiar opinións, establecer novos lazos e coñecer a persoas coas súas mesmas inquedanzas, ao mesmo tempo que acadan unha mellor competencia en galego e fan chegar a nosa lingua a lugares nos que moitas rapazas e rapaces non contaron con ela”. A actividade busca achegar ás participantes a conceptos sociolingüísticos de imprescindible coñecemento para comprender de xeito correcto a realidade actual da Galicia e o papel que xoga a lingua na mesma.
Durante os vindeiros 21 días, o estudantado dos centros poderá participar en dúas experiencias distintas: unha inmersión lingüística, compartindo nas redes sociais as súas reflexións sobre o proceso ou unha experiencia de creación literaria e artística, na que deberán crear obras literarias en galego en formato escrito e dixital, e deberán enviala á Escola de Escritoras e Escritores da AELG. As rapazas e rapaces que participen no proxecto recibirán un premio, ademais, na gala final realizaranse sorteos de material tecnolóxico e lotes de libros en lingua galega. De entre todas as persoas participantes, escolleranse os mellores traballos e publicacións, tanto da modalidade en redes sociais como da experiencia de creación literaria e artística, que tamén serán premiados.
As presentacións do proxecto nos distintos centros contan coas actuacións musicais en directo de Aldaolado e Leo Arremecaghona, e de cara ao final da iniciativa, a área de Cultura e a AELG organizarán un fin de festa no que se realizará un intercambio de experiencias de todas as estudantes participantes, e varias actuacións en directo. Como novidade, unha vez rematada a actividade, organizarase un encontro das rapazas participantes na modalidade de creación literaria que contará coa participación de escritoras e escritores en lingua galega.
Presentacións EnRedando co Galego
Martes 19 de abril
- 10:25 – IES Muralla Romana
- 12:00 – IES Ánxel Fole
Mércores 20 de abril
- 10:25 – IES Leiras Pulpeiro
- 12:00 – IES Nosa Señora dos Ollos Grandes