A iniciativa para avanzar no estudo de enfermidades raras acada 40.615 euros
A iniciativa de I+D Pelayo e o peixe cebra axudan na investigación das enfermidades raras suma un financiamento de 40.615 euros grazas ás doazóns recibidas durante os últimos tres meses a través da plataforma Precipita da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT).
Esta iniciativa é unha proposta aberta ao crowdfunding lanzada desde o Campus de Lugo da USC co obxecto de desenvolver un modelo en peixe cebra que permita descubrir as claves que orixinan os defectos conxénitos de glicosilación e avanzar así no estudo e a investigación de enfermidades raras.
O equipo promotor desta nova liña de investigación a prol do estudo destas patoloxías con escaso nivel de prevalencia, pero de complexidade grave, un grupo multidisciplinar liderado pola catedrática Laura Sánchez Piñón xunto coa tamén profesora investigadora na Facultade de Veterinaria Maribel Quiroga, fixeron público o seu agradecemento pola solidariedade cidadá manifestada a través das súas doazóns, unhas achegas que converten esta proposta de I+D nada na USC no terceiro proxecto de investigación nacional que acada un maior financiamento a través da plataforma de mecenado creada pola FECYT.
Coa ilusión de que esta nova liña de traballo en peixe cebra alimente novas esperanzas tanto para Pelayo como para ao reto de persoas que sofren este tipo de patoloxías e axude a avanzar na procura de novos tratamentos, Sánchez e Quiroga salientaron que, alén da axuda e do respaldo da FECYT, as diversas iniciativas locais impulsadas para dar a coñecer este proxecto entre a sociedade luguesa contribuíron a este éxito final.
Modelos animais
Os modelos animais serven para coñecer a comprobación funcional deste tipo de enfermidades, ao posibilitar establecer se unha variante concreta afecta a algún proceso ou función relacionada. Neste senso, o peixe cebra (Danio rerio) tense convertido nun organismo modelo indispensable para a investigación biomédica, xa que posúe unha considerable homoloxía co xenoma humano. O 85% de xenes que provocan enfermidades nos humanos están conservados no peixe cebra. Ademais, é relativamente sinxelo desenvolver modelos de peixe cebra para o estudo das enfermidades xenéticas. Cando se identifica a mutación asociada a unha determinada doenza é posible reproducila no peixe cebra, observar a sintomatoloxía asociada e determinar os órganos e sistemas afectados a través de estudos microscópicos e moleculares.