A instalación do novo videomarcador do Pazo comezará a vindeira semana

A vindeira semana darán comezo os traballos de instalación do novo videomarcador do Pazo dos Deportes, unha actuación que se desenvolverá en distintas fases co obxectivo de afectar o mínimo posible á actividade deportiva do CB Breogán e do Ensino e permitir a estrea do equipamento durante a fin de semana do 28 de marzo.
Nos últimos días, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, mantivo reunións coa empresa encargada da execución e con representantes dos dous clubs para acordar un calendario de traballos compatible cos adestramentos e partidos programados, especialmente nas fases de cableado e izado, que requiren intervencións en suspensión sobre a superficie da pista.
Segundo a cronoloxía prevista, as tarefas de cableado concentraranse entre o 16 e o 23 de febreiro, mentres que a instalación das pantallas e o izado do videomarcador realizaranse os días 12, 13 e 14 de marzo. Nas semanas posteriores levaranse a cabo a implantación do software e as probas técnicas necesarias de cara á posta en funcionamento do novo sistema audiovisual.
Durante todas as fases dos traballos, o CB Breogán manterá o seu horario habitual de adestramentos no Pazo. Pola súa banda, o Ensino trasladará puntualmente os adestramentos á pista do Anexo, facilitando así que as actuacións poidan realizarse nos períodos propostos pola empresa executora.
Efrén Castro agradeceu a colaboración dos clubs para concretar un cronograma de traballo que permita levar a cabo a instalación dun videomarcador de alta gama que modernizará por completo a infraestrutura audiovisual do Pazo. O vicepresidente destacou tamén que se trata dun calendario realista, deseñado especificamente para posibilitar a estrea do novo equipamento na fin de semana do 28 de marzo.
O vicepresidente valorou ademais o traballo realizado polo servizo de arquitectura da Deputación de Lugo para facer posible este proxecto, lembrando que a licitación da instalación requiriu dun estudo específico das cargas da cuberta do recinto deportivo.
A instalación do videomarcador, que supón un investimento de 266.583 euros, permitirá dar un importante salto tecnolóxico e visual ao Pazo. O novo equipamento estará formado por un prisma rectangular LED de 50 metros cadrados con esquinas curvas, complementado por un anel LED inferior de 8 metros cadrados coa mesma forma. En conxunto, contará con 58 metros cadrados de superficie audiovisual, capaz de amosar en alta calidade repeticións, gráficos, publicidade, estatísticas e retransmisións en directo.