A instalación do sistema de rego para as novas zonas verdes conclúe a humanización de Avenida de Madrid

LugoXa
A intervención inclúe rede de tubaxes, electroválvulas e rega por goteo para garantir o mantemento eficiente da vexetación e mellorar a sustentabilidade urbana
traballos-medio-ambiente-Avenida-de-Madrid-Lugo
10 Apr 2026

O Concello de Lugo vén de completar a actuación de humanización da Avenida de Madrid coa instalación do sistema de rega destinado a asegurar o correcto desenvolvemento das novas zonas verdes creadas na contorna.

Os traballos incluíron a colocación de 10 electroválvulas con chaves de paso, filtros, arquetas e programadores a pilas, así como o despregamento de 830 metros de tubaxe principal e 65 metros de tubaxe secundaria. Ademais, executáronse máis de 6.100 metros de rega por goteo enterrado nas medianas destinadas a céspede, complementados con sistemas específicos nas rotondas, onde se incorporou rega por goteo superficial en zonas arbustivas e dispositivos como aspersores e difusores en áreas mixtas.

Este sistema permitirá optimizar o uso da auga e garantir unha distribución eficiente, adaptada ás necesidades das distintas especies vexetais, favorecendo a súa correcta implantación e crecemento. Ao mesmo tempo, contribúe a mellorar a resiliencia urbana e a capacidade de adaptación fronte ás altas temperaturas.

A posta en funcionamento desta infraestrutura supón un paso clave para asegurar que a nova paisaxe urbana da Avenida de Madrid se manteña en condicións óptimas, reforzando o carácter verde, acolledor e sostible deste espazo estratéxico da cidade.

0.11618900299072