A instalación 'O fío de Cloto' de Paula Noya chega ao Museo Provincial de Lugo

LugoXa
As obras doadas pola artista lucense incorporáronse á exposición permanente
o-fio-de-cloto-museo
2 Jun 2025

O Museo Provincial de Lugo vén de incorporar á súa exposición estable a instalación O fío de Cloto, da artista lucense Paula Noya. Trátase dun conxunto formado por catro esculturas de ferro realizadas en 2015 - Esfera de platina, Esfera de cadeas, Esfera de espiño e Esfera de ferro -, catro debuxos a lapis que datan de 2014 e unha fotografía, titulada As Parcas.

A instalación, doadas pola artistas lucense ao Museo Provincial o pasado mes de setembro, exhíbese a carón da obra Adosados III de Mónica Alonso, co fin de poñer en relación a dúas creadoras lucenses. A súa exposición supón un fito máis na incorporación de mulleres artistas aos fondos permanentes da institución museística cuxos resultado estanse materializando nos últimos anos.

A artista, acompañada polo vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e a directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro, visitou a instalación na que será a súa ubicación, onde pode visitarse desde mañá martes, como parte da exposición permanente do espazo museístico.

O fío de Cloto

O proxecto O fío de Cloto busca indagar sobre o destino e a nosa capacidade de poder ou non cambialo. Inspírase na figura de Cloto, a máis nova das tres Parcas, que prepara a la na roca e reparte os fíos que tecen a vida dos homes.

A instalación estivo exposta en La Factoría de Papel (Bienal Miradas de Mujeres, Madrid, 2016) e na mostra La Distancia Incómoda (Valey Centro Cultural, Piedrasblancas, Asturias, 2016).

Paula Noya é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca e Master en Estética e Teoría das Artes polo Instituto de Estética e Teoría das Artes de Madrid. Participou en máis de 50 exposicións, tanto individuais como colectivas, en diversas localidades de España e do estranxeiro, e conta con obra publicada en numerosos catálogos, o máis recente o Catálogo XVI Premio de Artes Plásticas La Rural, Jaén.

⚙ Configurar cookies
1.1579811573029