A investigación e o modelo de titulacións, novos retos para o Campus Terra
A comisión reitora salienta o cumprimento do 100% dos compromisos establecidos para un campus de especialización da sede luguesa da USC que atopa na I+D, unha das súas maiores fortalezas, segundo o constatan as súas crecentes estatísticas de produción científica e captación de recursos a través de convocatorias competitivas.
A creación dun centro de investigación de referencia multidisciplinar e integrador que acubille parte da excelencia investigadora do campus de especialización da sede universitaria luguesa, xunto co afianzamento do modelo de titulacións, son os principais retos do Campus Terra para o ano 2024, tal e como pon de manifesto a comisión Reitora deste campus de especialización da USC localizado en Lugo.
Os integrantes do máximo órgano de supervisión do Campus Terra da USC referendaron na súa última xuntanza, presidida polo reitor Antonio López, os avances experimentados e o total grao de cumprimento dos fitos marcados para este campus de especialización da USC desde a súa aprobación e posterior posta en marcha por parte da Xunta de Galicia. A memoria de actividades presentada pola delegada do Reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, serviu para dar conta das distintas accións desenvolvidas ao longo do ano 2023 co fin de favorecer e incrementar a captación de alumnado e ampliar os programas de formación cunha nova proposta de mestrado en Biociencias Moleculares, así como para dar visibilidade a outras iniciativas orientadas a potenciar a calidade da docencia a través de cursos de formación para o profesorado, a dotación de novos equipamentos para prácticas nos distintos centros ou a obtención dos selos de calidade internacional EAEVE e EUR-ACE, por parte da Facultade de Veterinaria e da EPS de Enxeñaría, respectivamente.
A aposta pola inserción laboral do alumnado cunha oferta formativa transversal para estudantes de grao e mestrado e tamén mediante programas de prácticas remuneradas en empresas ou institucións asentadas no rural, supón outra das fortalezas advertidas no Campus Terra da USC, un campus de especialización que, ademais de cumprir e mellorar todos os parámetros establecidos como condicións obrigadas desde a súa creación, atopa na investigación e na transferencia aos sectores produtivos dúas das súas principais fortalezas.
Investigación
A investigación capitaliza, segundo precisa López Mosquera, o 63,5% dos catro millóns de euros de financiamento habilitado pola Xunta de Galicia para o Campus Terra nesta nova etapa. Esta importante consignación económica fixo posible desenvolver preto 70 accións directas no ámbito da I+D+i que se traducen na concesión de máis de 40 bolsas de inicio á investigación, 12 contratos predoutorais e 4 posdoutorais por un período de 3 anos, así como no financiamento de estadías no estranxeiro, axudas posdoutorais de inicio a investigación, a promoción de proxectos colaborativos que sortean a “atomización” de grupos de I+D do campus, ou, entre outras achegas, a incorporación de investigadores doutores a través dos programas Ramón y Cajal ou Beatriz Galindo.
A crecente presenza de persoal investigador do Campus Terra da USC en comités e redes internacionais de I+D, tales como o Comité Permanente de Investigación Agrícola (SCAR), a Asociación Europea de Innovación para a Produtividade e Sustentabilidade Agrícola (EIP-AGRI), Global Alliance Smart Agriculture, Global Research Alliance, Rede Crusoe de sistemas agroalimentarios competitivos ou, entre outros, o Laboratorio Ibérico Internacional Alimentario, constitúe outro dos fitos valorados pola comisión Reitora do Campus Terra da USC, un órgano ao que tamén se informou de que o campus de especialización lugués captou no bienio 2022-2023 máis de 14 millóns de euros a través de convocatorias competitivas, convenios e contratos para a realización de actividades de I+D+i, cun incremento do 90% de recursos captados con respecto ao bienio anterior (2020-2021).
A produción científica do persoal docente investigador do Campus Terra da USC tamén experimentou un crecemento significativo, tal e como se recolle na memoria de 2023 do Campus Terra, que cifra en máis de 700 os artigos publicados en revistas científicas de impacto no bienio 2022-23, período no que, ademais de fortalecer o impulso das diversas plataformas tecnolóxicas da sede universitaria luguesa, tamén se presentaron medio centenar de teses de doutoramento nas distintas facultades e escolas do Campus Terra.
A oferta de formación a demanda aos distintos axentes dos sectores produtivos a través da celebración de obradoiros e cursos, a creación dunha ferramenta dixital de información centralizada do Campus Terra (PicTerra) ao servizo da sociedade, o desenvolvemento de accións a prol da innovación e o emprendemento en sectores produtivos estratéxicos, e doutras iniciativas de mentorización de mocidade investigadora e mesmo a realización de informes para determinar o impacto económico do Campus Terra na súa contorna, foron outras das cuestións valoradas pola comisión Reitora deste campus de especialización.