A IV Batida Feminina do Tecor Amigos da Natureza reúnese en Pol cunha xornada de éxito

Pol
LugoXa | TerraChaXa
O día desenvolveuse cun tempo perfecto para a actividade no monte e un xabaríl abatido
batida-feminina-pol
19 Jan 2026

O Tecor Amigos da Natureza celebrou en Pol a cuarta edición da súa Batida Feminina, unha cita que un ano máis se saldou cun balance moi positivo tanto a nivel organizativo como de participación. A xornada comezou ás oito da mañá no Bar Abuide de Mosteiro, punto de encontro habitual nos últimos anos, onde as participantes compartiron o almorzo e organizaron as saídas aos rastros, sempre acompañadas por guías.

A pesar de que as previsións meteorolóxicas da semana non eran favorables, o día desenvolveuse cun tempo perfecto para a actividade no monte. Durante a mañá foron movidos varios xabaríns, logrando realizarse catro aplaces. Arredor das doce e media, o grupo reuniuse na praza de Mosteiro para repoñer forzas cun pincho e planificar as ceibas da tarde.

Xa nas dúas saídas programadas pola tarde, e tras realizarse as catro soltas previstas, cos cans recollidos arredor das seis da tarde, deuse por rematada a xornada cun ambiente de satisfacción, marcado por intensas emocións, momentos de adrenalina e cun bo exemplar de xabarín abatido.

Como marca a tradición, as participantes realizaron a fotografía de grupo xunto á estatua en homenaxe ao cazador e, posteriormente, a xornada concluíu cunha comida de confraternidade no caseto do Concello, situado na praza de Mosteiro.

Desde a organización expresaron o seu agradecemento ao Tecor Amigos da Natureza, á Cuadrilla Monciro, á Federación Galega de Caza de Lugo, ao Concello de Pol, ás persoas colaboradoras que contribúen a que ningunha muller quede sen o seu agasallo, así como a Margarita do Bar Abuide e ás mulleres do rural de Pol, polo seu apoio e implicación nunha xornada que continúa medrando edición tras edición.

⚙ Configurar cookies
0.071486949920654