A Librería Trama acolle esta semana dúas presentacións literarias

LugoXa
Latexos, de Beatriz Dourado, e un encontro con Manuel Portas arredor de Mazarelos centran a programación
Librería-Trama-Lugo
24 Feb 2026

A Librería Trama converterase esta semana en punto de encontro para os amantes da literatura con dúas citas abertas ao público.

O xoves 26 ás 19:00 horas presentarase Latexos (Edicións Embora), da autora Beatriz Dourado, unha obra ilustrada por Irene Sanjuán. O poemario foi recoñecido co Premio Arume de Poesía para a Infancia, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas, a empresa Deleite e a Gálix. O xurado destacou que a obra constrúe un universo poético suxestivo e atractivo para o público máis novo.

A segunda cita terá lugar o venres 27 ás 17:00 horas cun encontro aberto co escritor Manuel Portas, organizado polo Club de Lectura Lugo Patrimonio e a propia libraría. A conversa xirará arredor da novela Mazarelos (Editorial Galaxia).

En Mazarelos, Portas presenta a historia de Helena, unha profesora xubilada que recrea literariamente as orixes do instituto histórico no que exerceu docencia, centro polo que pasaron destacadas figuras da intelectualidade galega do século XIX. A protagonista, de carácter complexo, chega a discutir cos propios personaxes que conforman a trama. Entre eles figuran Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal, antigos alumnos do instituto, que xunto co pontevedrés Luís R. Seoane preparan un innovador banquete de confraternidade con obreiros e artesáns en Conxo. Paralelamente, Xosé López Amarante, director do centro, mantén a súa teima por destinar integramente ao ensino o edificio dos xesuítas en Mazarelos, evitando así as friccións cos ocupantes do terceiro andar, entre eles un carpinteiro e a súa filla Candeloria, cos que protagoniza frecuentes enfrontamentos.

0.08824896812439