A Liga Galega de Karate reuniu en Lugo a máis de 600 deportistas nunha xornada autonómica

LugoXa
A Escola Shihan sumou 44 medallas e a Escola Dajankai logra nove podios nun torneo multitudinario celebrado no Pazo dos Deportes
Liga-Galega-de-Karate-Lugo
2 Dec 2025

O Pazo dos Deportes de Lugo acolleu o pasado sábado 29 de novembro a Primeira Xornada da Liga Galega de Karate, un evento impulsado pola Federación Galega de Karate e DA coa colaboración da Deputación de Lugo. A cita reuniu na cidade arredor de 650 deportistas procedentes de toda Galicia, nun ambiente de intensa competición que abarrou desde as categorías benxamín ata júnior.

Entre os clubs participantes destacou o notable papel da Escola Deportiva Shihan, que acadou un total de 44 medallas, repartidas en 12 ouros, 12 pratas e 22 bronces. O club, ademais, presume de ter 12 coach autonómicos, dos cales a metade son tamén nacionais. Ademais, levan 80 deportistas en  todaslas categorías modalidades, e teñen máis de 300 deportistas no club.

Tamén tomou parte na competición a Escola de Karate Dajankai de Lugo, que se presentou cun equipo formado por dez karatecas que competiron tanto en kata como en kumite: Xián Souto, Iván Rey, Noelia Álvarez, Sergio González, Lorena Román, Lucía Román, Annastasia Pardo, Sebastian Pardo, Max Lombardero e Fiz Lombardero.

Desde o club Dajankai recoñeceron que esta edición da liga xeraba unha especial ilusión ao celebrarse en Lugo e coincidindo co debut en competición dalgúns dos seus integrantes. As expectativas non só se cumpriron, senón que foron superadas grazas ás nove medallas obtidas nas dúas modalidades, un balance que demostra a progresión e o traballo desenvolvido diariamente no tatami do club.

A pesar de ser unha proba autonómica, o nivel competitivo foi elevado, debido á participación de máis de 630 atletas de diferentes puntos da comunidade, moitos deles con experiencia en campionatos galegos e estatais. Un contexto esixente no que Dajankai volveu demostrar a súa sólida evolución desde a súa creación hai menos de dous anos. A entidade iniciou a súa traxectoria en xaneiro de 2024 cun grupo reducido de tres alumnos —un deles en competición— e a día de hoxe rolda os setenta inscritos, dos cales doce compiten en circuítos autonómicos, nacionais e internacionais. Ademais, o club conta cunha coach nacional, Jana González, e co único árbitro internacional de Galicia, David González.

Na xornada autonómica, o equipo estivo acompañado polos seus coaches Jana González e Yerai Román, mentres que David González actuou como director de arbitraxe da competición ao servizo da Federación Galega de Karate e DA.

Desde o club Dajankai aseguran que estes avances representan un impulso determinante para continuar medrando. Recordan que, en menos de dous anos, lograron consolidar un proxecto unido e en expansión, que comeza a facerse notar fóra de Lugo. Por iso, trasladan o seu agradecemento a todas as persoas que forman parte da escola pola confianza e polo apoio constante.

⚙ Configurar cookies
0.078459024429321