A lista de demandantes do SAF aumentou en dous anos en 200 persoas, segundo o Concello de Lugo
O Concello instou novamente á Xunta de Galicia a que atenda xa ás e aos lucenses que se atopan na lista de agarda do Servizo de Axuda no Fogar de dependencia que xestiona o Goberno Galego, "e que en só dous anos se incrementou nuns 200 demandantes, o que supón ademais unha suba dun 35 por cento en pouco máis dun ano".
Así o explicou a concelleira de Benestar Social e Maiores no Concello de Lugo, Olga López Racamonde, quen falou de “falta de atención e dunha situación de urxencia, que vén corroborada polos datos: na actualidade hai 628 persoas nesa lista de espera, mentres que en enero de 2023, hai dous anos, eran 410”. Estes datos demostran, aclara a edil, “que en dous anos o número de demandantes deste servizo se incrementou en máis de 200 persoas”, unha tendencia que vai continuar ao alza”.
O esforzo económico municipal permitiu atender ao longo de 2024 a un total de 278 persoas a través do Servizo de Axuda no Fogar de libre concorrencia, xestionado integramente pola área de Benestar Social e Maiores do Concello de Lugo. Na actualidade e tal e como trasladou a concelleira Olga López Racamonde non hai lista de espera neste servizo municipal, que atende á totalidade da demanda da prestación municipal por libre concorrencia, fronte ás 628 persoas con diferentes graos de dependencia, que están na lista de agarda do SAF da Xunta de Galicia.
A responsable municipal de Benestar Social e Maiores fixo fincapé no importante esforzo que asume o Goberno Local para atender a estes veciños e veciñas, nunha área que non é competencia do Concello. “Na actualidade hai 722 usuarios de axuda no fogar, 444 atendidos pola Xunta e 278 polo SAF de libre concorrencia do Concello. Isto significa que estamos a asumir a atención de case un 40 por cento do servizo”. O esforzo inversor vai aínda máis lonxe. A edil sostén que “no SAF de dependencia que xestiona a Xunta, cada hora de traballo ten un custo de 22 euros. Dese total, a administración autonómica achega uns 12 euros, pero 6 vén do Goberno central. As contas son claras: A Xunta paga case 7 euros por cada hora, mentres o Concello de Lugo ten que pagar 10 euros por cada hora do Servicio de Axuda no Fogar de dependencia, xestionado pola propia Xunta de Galicia. Esta situación é insostible”.
Olga López Racamonde sostén que “a atención as persoas dependentes no noso municipio sempre será unha prioridade para este Goberno Local. Estamos a demostrar que non escatimamos esforzos para non deixar de lado ás e aos lucenses que o necesitan, algo que semella que o Goberno Galego está a esquecer. Non podemos fuxir da realidade social desta provincia, con máis do 23% de persoas maiores de 65 anos; cunha taxa de dependencia da poboación maior de 64 anos na provincia de Lugo de 47’71 e cun índice de envellecemento do 269’05”. Por todo isto, instamos unha vez máis á Xunta de Galicia e á Consellería de Política Social unha “solución áxil, eficiente e efectiva aos coidados derivados da dependencia”.
Esta mesma esixencia xa se trasladou ao Goberno galego en anteriores ocasións. De feito, a mediados do pasado ano, o Pleno Municipal, a petición dunha proposición presentada polo Grupo Municipal do PSdG-PSOE, pediu á Xunta que incrementase a achega económica que realiza para asumir o custo orzamentario do SAF.
Recursos municipais para a dependencia
O Executivo de Paula Alvarellos buscou a optimización de recursos e do funcionamento de prestacións para garantir a calidade da atención e da valoración das necesidades das persoas usuarias. Así o explica a responsable de Benestar Social e Maiores, quen pon cifras a este esforzo municipal. “O Servizo de Axuda no Fogar suporán máis de 34 millóns de euros para os vindeiros cinco anos. Fronte a falta de compromiso que o Goberno autonómico evidencia nesta materia da súa competencia exclusiva, apostamos por realizar esta enorme mobilización de recursos municipais para garantir a atención adecuada a este colectivo”, afirma López Racamonde.
Esta prestación social, cuxo orzamento ascende a 11.154.145 euros, foi contratada, a mediados de 2024, por un período de 2 anos coa posibilidade de prolongala ata un máximo de cinco. Nas bases xa se contemplaba un posible incremento do 20 por cento pola flutuación dos prezos, polo que este servizo supoñerá un investimento municipal de máis de 34 millóns de euros ao longo do próximo lustro. Para Olga López Racamonde “a última adxudicación do SAF implica unha atención máis completa ás nosas persoas maiores. De feito incrementou o persoal técnico pero tamén o encargado de valorar as necesidades das persoas usuarias”. Precisamente, entre as melloras achegadas figura a entrada en funcionamento da Unidade de Filtro, coa que se realiza unha triaxe inicial de cada solicitude dos demandantes do Servizo de Axuda no Fogar, mediante a xestión da área de Benestar Social e Maiores.