A Local de Lugo adáptase a nova mobilidade do centro e comeza a patrullar en moto

LugoXa
A medida permitirá aos axentes realizar intervencións mixtas, a moto e a pé, mellorando así a súa axilidade e capacidade de resposta
policia-local-lugo-centro
7 Ago 2024

A Policía Local de Lugo reforza o seu compromiso coa seguridade e benestar da cidadanía coa introdución de motocicletas para patrullar o centro da cidade. Esta medida, deseñada para a súa adaptación á nova mobilidade do centro histórico de Lugo, permitirá aos axentes realizar intervencións mixtas, a moto e a pé, mellorando así a súa axilidade e capacidade de resposta.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, destaca a importancia dunha “nova medida que permitirá aos efectivos policiais desprazarse de maneira máis eficiente e efectiva. As motocicletas facilitan un acceso máis rápido a espazos aos que non é tan doado chegar co coche patrulla, o que redundará nun servizo mellor e máis inmediato á cidadanía”. Alvarellos Fondo subliñou tamén a valía que ten esta proximidade “en tanto resulta fundamental para garantir a seguridade e benestar da veciñanza”.

Este cambio permitirá unha mellor atención ás e aos lucenses, facendo que os desprazamentos dos axentes sexan moito máis áxiles e posibilitando intervencións en zonas de difícil acceso. A combinación do uso das motocicletas co patrullaxe a pé mellorará significativamente a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia e intervencións humanitarias, un aspecto esencial do labor da Policía Local de Lugo.

Este corpo realizou no primeiro semestre deste ano 442 intervencións en materia humanitaria, demostrando o seu compromiso coa veciñanza. “A formación dos axentes en saúde mental, primeiros auxilios e o uso de desfibriladores é crucial para a efectividade das súas intervencións. Estamos realmente satisfeitos de poder contar cun equipo de profesionais cuxa empatía e solidariedade son partes indisolubles da súa vocación de servizo público, facendo de Lugo unha cidade aínda máis segura”, indica Alvarellos.

A implementación das motocicletas permitirá unha maior presenza policial no centro da cidade, incrementando a vixilancia, a seguridade e garantindo o comportamento cívico dos veciños e veciñas. “Esta medida reflicte o noso compromiso coa modernización e mellora continua dos servizos da Policía Local de Lugo, adaptándoos ás necesidades actuais da cidade e dos seus habitantes”, conclúe a rexedora.

0.20120906829834