A loita dos maiores e xubilados comeza a dar froitos na cidade de Lugo
O Concello de Lugo buscará colaboración coas entidades financeiras para conveniar a instalación de caixeiros automáticos nos centros sociais municipais, cedéndolles o espazo para instalalos.
O anuncio, feito onte pola alcaldesa, Lara Méndez, obedece á vontade do Executivo local de incrementar as dotacións a disposición da veciñanza e, neste caso especialmente, do colectivo da terceira idade – que representa á cuarta parte da poboación lucense - para favorecer que poidan realizar operacións de tipo bancario en dependencias nas que ademais contarán, se así o precisan, coa axuda do persoal municipal para levalas a cabo.
A rexedora presentou a medida ao tecido asociativo dos e das pensionistas que a cualificaron de excelente, “en tanto mellorará a súa sensación de seguridade cando utilicen estes dispositivos por atoparse en inmobles vixiados de maneira que poderán acceder a eles con totais garantías”.
Lara Méndez explicou que “durante o encontro, amosámoslles tamén a nosa total disposición para atender as súas reivindicacións e contribuír de xeito proactivo á súa loita, posibilitando accións como esta e sendo receptivos ás súas demandas que igualmente lles faremos chegar ao resto de administracións con competencias na materia”, afirmou a rexedora.
Méndez avanzou que, así mesmo, “dende a área de Benestar se incorporará aos cursos de dixitalización para maiores que desenvolvemos actualmente, formación específica vinculada ao manexo das tecnoloxías en todo o que ten que ver, de xeito máis concreto, coas entidades bancarias”.
Trátase de obradoiros dirixidos á poboación maior de 65 anos nos que se imparte ensinanza informática para que as e os asistentes gañen competencias e adquiran destrezas na realización de trámites telemáticos dentro dos que se inclúen, por exemplo, a petición de citas previas, a participación en vídeo-conferencias, o coñecemento de webs informativas ou o manexo do e-mail e das redes sociais.
“A finalidade é achegarlles ferramentas que lles permitan familiarizarse con este tipo de procedementos, facendo especial fincapé en todo o que ten que ver coa banca electrónica en prol de que poidan manexarse con autonomía e acceder, cada vez con menos dificultades, a servizos básicos e imprescindibles que noutros segmentos de poboación a cidadanía xa emprega con cotianidade”, sinalou Lara Méndez.
A alcaldesa lucense incidiu na importancia de seguir traballando para diminuír a fenda dixital interxeracional existente, “en tanto alimenta a desigualdade de oportunidades, impide un envellecemento activo e saudable e mesmo propicia o illamento do colectivo. Dun xeito significativo, alén, despois de sufrir unha pandemia que nos obrigou ao confinamento e durante a cal quedou manifesta a valía, a polivalencia pero tamén a nosa dependencia das novas tecnoloxías tanto a nivel laboral, como médico e mesmo persoal para manternos en contacto coas nosas familias e amizades", apuntou.
A rexedora lembrou, a este respecto, que a área de Benestar continúa a prestar o servizo “Acompañámoste”, un programa deseñado xa durante o Estado de Alarma para brindar apoio ás máis de 22.000 persoas maiores que residen no municipio e, nomeadamente, ás 5.000 que viven en soidade, e que debido ao incremento da emerxencia social que derivou da crise sanitaria, se reforzou mesmo con equipos de rúa para detectar e atallar situacións de vulnerabilidade na terceira idade.
“Xa ao abeiro desta prestación se estiveron realizando tarefas, por parte do voluntariado, de resolución de dúbidas e de colaboración e asesoramento para facilitar as relacións das e dos usuarios cos organismos públicos pero tamén coas entidades financeiras, unha liña na que seguiremos traballando dende todos os eidos posibles para conseguir unha integración plena e que ninguén se sinta desprazado nin excluído”, concluíu Lara Méndez.