A luguesa Candela Rivas participa esta fin de semana na Olimpíada Española de Química

LugoXa
Os gañadores da XL Olimpíada Galega de Química compiten esta fin de semana na Universidade de Valencia na XXXVI Olimpíada Española de Química
VALENCIA OLIMPIADA QUIMICA LUGO
23 Abr 2023

Os tres primeiros clasificados de cada demarcación universitaria na XL Olimpíada Galega de Química están en Valencia para participar esta fin de semana na XXXVI Olimpíada Española de Química. Partiron o venres do aeroporto Rosalía de Castro de Santiago acompañados do presidente da Asociación de Químicos de Galicia e decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez Méndez.

Os representantes galegos compiten cos mellores de toda España. Pola demarcación da Universidade da Coruña (UDC) están Brais Sergio Ferré, do Colexio Santa María del Mar da Coruña; Samuel Sumay Míguez, do IES Monte das Moas da Coruña; e Sara Novais Meireles, do IES Punta Candieira da localidade coruñesa de Cedeira. Da demarcación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acoden tamén os tres primeiros: Teresa Andión Mosquera, do IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago; Carmen Muñíz García, do Colexio Manuel Peleteiro de Compostela, e Candela Rivas Cabanas, do Colexio Fingoi de Lugo. Da Demarcación da Universidade de Vigo participan dous alumnos: Paula Divos Docampo, do IES Branco Amor de Ourense; e Carme Xiu Blanco Alonso, do IES Carlos Casares de Vigo. Non acode Iago Fernández Rodríguez, alumno tamén do IES Carlos Casares.

A participación da representación galega na XXXVI Olimpíada Española de Química, que este ano ten como sede da Universidade de Valencia, do 21 ao 23 de abril, “é unha óptima oportunidade para mostrar o talento científico-químico das novas xeracións de galegos e galegas”, destaca Manuel Rodríguez Méndez, presidente da Asociación de Químicos de Galicia e decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, entidades organizadoras da Olimpíada Galega de Química.

A Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e Vigo acolleron simultaneamente o pasado 10 de marzo as probas da XL Olimpíada Galega de Química, nas que participaron 128 alumnas e alumnos procedentes de 38 centros educativos de toda Galicia. Aí foron seleccionados os oito participantes.

Pola súa banda, Juan Sanmartín, coordinador da Olimpíada Galega de Química, que non poderá acudir á capital valenciana, lanza unha mensaxe de ánimo aos participantes galegos. “Confiamos en que sexa unha experiencia enriquecedora para os oito alumnos de Galicia”, apunta. “Esperemos que gocen da experiencia nunha fin de semana química e, porque non, obteñan bos resultados”, afirma Juan Sanmartín, quen destaca o “bo nivel” mostrado este ano polos alumnos e alumnas que acudiron á XL Olimpíada Galega de Química, que este ano rendeu homenaxe a Inmaculada Paz Andrade, catedrática de Física Aplicada da Universidade de Santiago.

0.091825008392334