A madeira do castiñeiro galego conta coas propiedades idóneas para o seu uso na destilería

LugoXa
La madera del castaño gallego cuenta con las mismas propiedades que los carballos franceses o americanos ideales para usar en destilería.
2 Xan 2022

A enxeñeira de Montes e investigadora na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC contribúe á optimización do deseño de toneis empregados en destilería e demostra a idoneidade da madeira galega de frondosas para a elaboración de barrís no marco da tese de doutoramento ‘Optimización do tonel como elemento chave no avellentamento de viños e idoneidade de madeiras de frondosas de procedencia galega para este uso’, dirixida polo profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, Pablo Vila Lameiro.

Conde Fernández acomete na investigación de doutoramento presentada este martes na EPS de Enxeñaría de Lugo un exhaustivo estudo xeométrico do tonel para advertir e, no seu caso, determinar erros nas fórmulas empíricas tradicionais. A partir destes datos, a enxeñeira luguesa completa a parametrización, modelización e estandarización das doelas, tal e como se denominan as distintas láminas que conforman o tonel, que constitúen o elemento fundamental no proceso de fabricación de toneis.

A madeira empregada pola industria toneleira é unha materia prima de alta calidade e gran valor, aínda cando a fabricación de barricas a día de hoxe continúa sendo unha actividade artesanal case por completo. Daquela, as pescudas desenvolvidas por Adriana Conde e compiladas na súa tese de doutoramento pretenden supoñer un primeiro paso na mellora do proceso produtivo, a fin de facelo máis eficiente a partir da optimización do deseño dos toneis e da determinación da idoneidade do material empregado.

Para acadar estes obxectivos, Adriana Conde, que suma xa preto dunha década como investigadora contratada do grupo BioMoDem da USC en proxectos financiados por Irish Distillers e Pernod Ricard, así como pola agrupación BioReDes do Campus Terra, empregou ferramentas CAD para acometer o deseño do modelo paramétrico dun tonel, así como das doelas, súas partes fundamentais. Este traballo previo permite a adecuación da barrica, tendo en conta as características do material de fabricación, ao proceso de avellentamento de viños ou de calquera outra bebida alcohólica.

ANALISE DE PROPIEDADES DAS MADEIRAS
A segunda parte da investigación desenvolvida por Adriana Conde céntrase na análise das propiedades físico-mecánicas das madeiras de Castanea sativa Mill. e Acacia melanoxylon R. Br. de procedencia galega co propósito de determinar se son aptas para usos en destilería.

Unha vez completado este estudo, ás conclusións ás que chega esta enxeñeira de Montes constatan que as dúas especies forestais obxecto de análise presentan calidades apropiadas para o seu destino nesta industria e concretamente, no caso do castiñeiro, ditas características son semellantes ás do carballo, que é a especie por excelencia utilizada na industria toneleira.

As conclusións recollidas na investigación de doutoramento presentada por Adriana Conde na EPS de Enxeñaría revelan a existencia dun importante nicho de mercado para a madeira galega de frondosas. De feito, Francia e Estados Unidos lideran a exportación de madeira para a fabricación de toneis, mentres que o volume de madeira que achega España a este tipo de industria apenas representa o 11%.

TRIBUNAL DE TESE
O tribunal encargado de cualificar a investigación de doutoramento presentada por Adriana Conde estivo presidido pola profesora da Universidade de León María Flor Álvarez Taboada. María Jesús García, da Universidade Politécnica de Madrid, e a profesora da USC Elena Fernández Rodríguez completaron a formación do tribunal.

0.073067903518677