A maleta viaxeira promove a igualdade a través da lectura feminista en Ribeira de Piquín

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, destacou no Concello de Ribeira de Piquín a importancia de formar á sociedade en igualdade a través da lectura de textos feministas que contribúan a erradicar comportamentos sexistas e pouco igualitarios. Fíxoo durante unha nova entrega da MAVI, a maleta viaxeira contra a violencia de xénero, na residencia de maiores da localidade.
No acto estivo acompañada polo alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández, e pola xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno en Lugo, María Luisa Castro. A subdelegada fixo entrega dunha maleta con once libros de temática feminista, salientando a boa acollida que este programa está a ter na provincia de Lugo.
Olimpia López subliñou a utilidade deste recurso como ferramenta “para remover conciencias e cambiar hábitos machistas que aínda persisten nunha sociedade que continúa marcada por condutas sexistas e patriarcais”. Neste sentido, agradeceu a colaboración do Concello de Ribeira de Piquín e a receptividade do seu alcalde para desenvolver este programa, destacando que “desde o Goberno traballamos man a man cos concellos para abordar unha cuestión de estado que segue xerando sufrimento e desigualdade”.
A subdelegada lembrou tamén que a educación e o fomento da lectura son elementos fundamentais na loita contra a violencia de xénero. “Por iso entregamos estes libros ao concello, para favorecer o pensamento crítico e promover unha actitude de rexeitamento fronte a comportamentos que perpetúan estereotipos e roles de xénero”, afirmou.
Entre os títulos incluídos na maleta viaxeira entregada en Ribeira de Piquín atópanse ‘¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa?’, de Raquel Díaz Reguera; ‘La cenicienta que no quería comer perdices’, de Nunila López e Miriam Cameros; ‘Todos deberíamos ser feministas’, de Chimamanda Ngozi; ‘Las chicas son guerreras: 26 rebeldes que cambiaron el mundo’, de Irene Cívico e Sergio Parra; ‘Mi marido me pega lo normal’, de Miguel Lorente Acosta; ‘Infamia’, de Ledicia Costas; ‘Amelia: historia de una lucha’, de Amelia Tiganus; ‘Cansadas’, de Nuria Varela; ‘Aqueles días en que eramos malas’, de Inma López Silva; ‘Rosalía feminista’, de Helena González Fernández; e ‘As miñas fillas volvéronme a vida’, de Inés Fernández Lamela.