A maxia chega aos vieiros escolares seguros do Concello de Lugo
Xa se respira maxia en Lugo. Esta fin de semana iniciará o Lugo Máxico 2022 e parte dos escolares do Colexio de Albeiros tiveron hoxe un primeiro achegamento a este festival de maxia.
Unha pequena presentación do Lugo Máxico nos vieiros escolares seguros, posta en marcha polo executivo local. O Mago Antón, director do festival, achegouse ata a rúa do Xenebro, un dos puntos de partida destes vieiros escolares onde realizou distintos trucos de maxia a unha vintena de nenos.
O edil de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, afirmou que “continuamos a promocionar os Vieiros Escolares ao mesmo tempo que achegamos ás nenas e nenos as distintas actividades culturais do Concello”.
Felipe Rivas destacou o éxito de acollida dos Vieiros Escolares Seguros postos en marcha pola Concellería de Educación, que estan a ter unha asistencia superior ás 40 nenas e nenos cada día, nos dous grupos organizados para o Colexio de Albeiros.
O Lugo Máxico 2022 achegará 10 actividades que terán lugar entre o 27 e o 29 de maio, ademais de distintas actividades nos centros escolares de Lugo. O HULA acollerá sesións de maxia o venres 27, entre as 11:00 e as 13:00, cos magos Marcos Waldemar, Nacho Samena e Fernando Keller.