A maxia das parroquias: San Martiño de Ombreiro

LugoXa
San Martiño de Ombreiro é unha parroquia situada a menos de dez quilómetros da cidade de Lugo que conta cun gran patrimonio natural
Ombreiro portada
5 Feb 2023

San Martiño de Ombreiro é unha das parroquias nas que se divide o concello de Lugo. Situada a menos de dez quilómetros da capital, está formada por once núcleos que son: Airexe, Cucurela, Amedín, Bandelo, Cristimil, Lagoas, Caballo, Ponte, Regueiro, Riazón e Trasnarla. Xuntos suman un total de máis de cento cincuenta habitantes.

Un dos puntos de referencia da localidade é a Ponte de Ombreiro, que está construída en granito e conta con catorce ollos apoiados sobre grandes pilastras con remates semicirculares. Xunto á ponte consérvase aínda un muíño en funcionamento que conta con dúas alturas.

A igrexa parroquial de San Martín atópase en Regueiro, de construción barroca, este edificio relixioso conta cunha planta rectangular dunha soa nave e está realizado en pedra. O corpo da nave ten unha cuberta a dúas augas en lousa mentres que a do presbiterio é a catro augas. Tanto en Regueiro como en Amedín podemos observar casas de construción en granito con hórreos feitos no mesmo material, esta arquitectura tradicional agraria está moi ben representada en toda a parroquia.

Camiñando por Riazón podemos atopar unha pequena capela adicada a San Roque e construída en perpiaño de granito que conta cunha soa nave de planta rectangular. Cos seus muros encintados en branco esta pequena igrexa ten unha cruz de pedra que remata o conxunto.

Se continuamos paseando por esta aldea tamén atoparemos a Torre Riazón, incluída como Ben de Interese Cultural de Galicia e que actualmente se atopa practicamente en ruínas quedando en pé só unha parte dun dos seus muros. A construción data de finais do século XVII ou principios do XVIII e xa figura en documentos do ano 1721.

É unha torre de planta rectangular que antigamente contaba con tres plantas e un acceso a través dun arco de medio punto e que actualmente comparte un dos seus muros cunha vivenda privada. O escudo que pertencía á torre atópase gardado no Museo Provincial de Lugo.

Unido a estes bens patrimoniais a parroquia de Ombreiro garda grandes espazos naturais que nos permitirán desfrutar da Reserva da Biosfera Terras do Miño camiñando pola ribeira do río. Esta área natural protexida é de grande interese medioambiental e conta cunha gran riqueza paisaxística, con bo tempo é recomendable subir ás partes máis altas da parroquia, o monte Ombreiro, dende onde poderemos desfrutar dunhas bonitas vistas.

Parroquia ombreiro
Parroqui Ombreiro 2
Torreo Parroquia Ombreir
0.19783687591553