A maxia das parroquias: San Pedro de Mera

LugoXa
San Pedro de Mera é unha das parroquias de Lugo, pola que transcorre o Camiño de Santiago que garda unha gran beleza natural
San Pedro de Mera
3 Dec 2022

San Pedro de Mera é unha das parroquias que conforman o municipio de Lugo e que conta con seis núcleos de poboación Crecente, Chousa, Hospital, Remesar, San Pedro de Abaixo e San Pedro de Arriba. A parroquia conta cun total de 64 habitantes sendo Crecente e Hospital os seus núcleos máis poboados.

Sita na etapa do Camiño Primitivo que vai dende Lugo ata San Román de Retorta San Pedro de Mera foi un punto importante nesta ruta de peregrinación que contaba cun hospital de peregrinos de gran importancia, así queda recollido na referencia que en moitos documentos da época se fai da parroquia a través do nome de Hospital-San Pedro de Mera. Esta forte vinculación co Camiño de Santiago aparece reflexada tamén na súa toponimia e na actualidade unha das aldeas mais grandes recibe o nome de Hospital.

A parroquia conta cunha igrexa da que xa hai referencia no século XI pero que na actualidade é na súa maioría resultado das obras barrocas dos séculos XVIII e XIX, cun estilo sinxelo e típico do rural galego. Conta cunha nave rectangular con portas alinteladas na fachada principal e no lateral dereito e a sacristía anexada ao lateral esquerdo. A capela maior é rectangular cun arco de medio punto e garda esculturas de San Pedro, Inmaculada, San Silvestre e Santa Lucía que datan entre os séculos XVIII e XIX.

San Pedro de Mera agochou ata 1995 un gran segredo. Dunha época anterior ao nacemento do Camiño de Santiago, cando Lugo aínda era Lucus Augusti, é o achado arqueolóxico aparecido en Crecente a mediados da década dos noventa. Durante a realización dunhas obras de canalización na parroquia apareceu unha estela funeraria conservada na súa totalidade.

A peza está labrada en granito fino de tipo placa e conta cunha cabeceira semicircular e unha altura total de dous metros e oitenta centímetros. Na parte superior semicircular aparece un retrato familiar de medio corpo composto por catro personaxes que visten túnicas longas cunha toga ou pano cruzado sobre o ombreiro dereito. O sector central da peza conta cunha inscrición en Latín no que aparece o epígrafe funerario organizado en seis liñas que di o seguinte Apana, filla de Ambolo, de pobo dos Célticos Supertamáricos (por encima do río Tambre, da parentela (ou do castelo) de Miobri. Morta aos 25 anos. Aquí está enterrada. Apano, o seu irmán, mandou erixir este dedicatoria.

Este achado arqueolóxico constitúe un elemento histórico único dos primeiros momentos da ocupación poboacional da contorna de Lucus Augusti que está datada do século I d.C. Supón ademais un magnífico retrato dunha familia galaica ao completo que actualmente se pode visitar no Museo Provincial de Lugo.

San Pedro de Mera funerario
0.18401885032654