A maxia das parroquias: San Pedro de Romeán

LugoXa
O núcleo de Lugo, por onde pasa unha variante do Camiño, é un lugar privilexiado para os amantes da arquitectura tradicional
san_pedro_de_romean_1
10 Nov 2024

A uns 14 quilómetros de Lugo, encóntrase esta parroquia, por onde pasa unha variante do Camiño Primitivo documentada dende a Idade Media e que levaba ao Trece de Adai, unha das feiras cabalares máis importantes de Galicia. Os tratantes e o gando durmían a véspera en Romeán para chegar ben frescos á feira. Limita ao norte con Gondar, ao leste e ao sur co concello de Castroverde e ao oeste coas parroquias de Bascuas e Carballido. Localízase xunto á estrada N-630 á Fonsagrada, que divide o núcleo en dúas metades.

Tres pequenas aldeas compoñen esta poboación, delimitada polo río Chamoso o polo pequeno regato Romeán. Son Tellado ao oeste, Saboleiro ao norte e Outeiro ao este. A parroquia é un lugar de privilexio para todos os amantes da arquitectura máis tradicional, pois a maioría das casas, algunhas delas de gran tamaño, son de cantería e amosan ben a súa antiga beleza agraria. No núcleo e nas súas inmediacións pódense ver magníficas árbores, especialmente castaños algúns mesmo centenarios.

A igrexa parroquial, de tipoloxía barroca tradicional, encóntrase entre Tellado e Saboleiro. Ten unha planta rectangular, con perpiaños á vista, enlucidos no muro posterior, cuberta de lousa a tres augas. Conta cunha espadana con dous vans con dúas campás.  Ao redor do templo, que é posterior ao século XVIII, está o cemiterio delimitado por un muro e ao outro lados unha masa arbórea de castiñeiros e carballos frondosos.

Na aldea de Outeiro destaca un pazo barroco, coñecido hoxe como Casa de Arias, con escudo e gran balconada posterior. Na parroquia  tamén se mantén parte do noso legado castrexo pois está a Cunca do Castro, recinto castrexo cunha acrópole duns 70 metros de diámetro, e o Castro de Lagoa. A aldea de Gude, composta por boas casas de cantería bastante agrupadas, está sobre o río Romeán e merece unha visita pola súa beleza arquitectónica e natural.

Romeán presenta edificacións agrupadas nas zonas máis antigas dos núcleos alternando con edificacións máis dispersas unindo estes núcleos. As casas manteñen as tipoloxías tradicionais, mediante fábrica de lousa, como amosan os exemplos de Gude, ou cachotería de granito e cubertas con laxas de lousa. O resto do territorio, que descende con suavidade cara ao río e en parte presenta unha superficie lixeiramente montañoso, está cuberto por prados densos.

 

san-pedro-de-romeán
0.13750982284546