A maxia das parroquias: San Vicente do Burgo

Jessica Fernández
A parroquia de San Vicente do Burgo é unha das 54 parroquias que conforman o municipio de Lugo. A súa superficie é de 8,39 km² e consta de seis núcleos de poboación que, segundo o rexistro de datos de 2020, acollen aproximadamente 80 habitantes.
Situada nun enclave rural cunha profunda herdanza histórica e cultural, esta parroquia destaca pola súa riqueza arquitectónica e o seu contorno paisaxístico.
A maior parte desta parroquia organízase ao redor do Camiño Primitivo de Santiago, cunha estrutura moi particular, definida pola vereda antíqua dos antigos documentos. O topónimo Burgo, que é de orixe xermánica, puidera referirse a unha antiga fortaleza rodeada por unha aldea ou pequena vila, ou tamén á súa estrutura case vilega, pois a palabra común burgo ten tamén o significado de “vila pequena” ou “pobra”.
Detrás dunha portada heráldica, no lugar de Carrigueiros hai un notable pazo ou casa grande composta de varios corpos moi diferenciados, todo dentro do seu circundo murado. Este núcleo, que é o primeiro vindo desde Lugo, ten tamén unhas notables casas de labranza do mellor tipo tradicional. Pouco despois del está a fonte de Ribicás, á beira da estrada e do Camiño de Santiago.
O Burgo, coa súa organización ao redor do Camiño Primitivo, hoxe asfaltado, que lle serve de rúa, encádrase no medio dunha paisaxe de antigas agras, agora maiormente a prado. Ademais da igrexa e da curiosa capela de San Bartolomeu, no Burgo hai excelentes casas de labranza coas súas edificacións adxectivas, entre as que destacan algúns elegantes hórreos. O antigo hospital de peregrinos estaba nunha chousa así chamada da actual casa Matías, unha das máis belas da aldea. Xuntá o burgo central é o lugar de Penas. A aldea de Garaloces espállase ladeira arriba cara ó sur.
Poutomillos do Burgo, que se chama así para diferencialo da contigua parroquia de Poutomillos, é unha pequena aldea distante do núcleo, en lugar ben alto, onde está a chamada Casa do Fidalgo, pazo tipicamente agrario do século XVIII, abandonado e en moi mal estado de conservación.
A paisaxe agraria do Burgo é moi fermosa, e moi interesante polos bos zarros de pedra de agras e chousas. Un dos moitos bos percorridos para facer a pé sería ir dende a igrexa parroquial cara á capela de San Bartolomeu e logo cara ó solitario casal do Canedo de Abaixo, a pouco máis dun quilómetro. A medio camiño atópanse os restos dun castro.

A Igrexa Parroquial de San Vicente: un referente do barroco galego
A igrexa parroquial de San Vicente de O Burgo é unha xoia arquitectónica de estilo barroco que data do século XVIII. A súa monumentalidade e detalles artísticos convértena nun referente dentro da rexión do Mera. A fachada principal sobresae pola imaxe do patrón, San Vicente, e unha impoñente torre cadrada que alberga tres campás, un elemento distintivo do templo.
O deseño arquitectónico da igrexa reflicte a maxestosidade do barroco galego. Presenta unha planta rectangular cunha nave cuberta por unha bóveda de canón e un coro construído en pedra, elementos que reforzan a robustez e elegancia do edificio. A capela maior, elevada e de gran altura, está cuberta cunha cúpula sobre pendentes, rematada cunha lanterna que dota o interior dunha luminosidade singular.
No interior, destaca un retablo maior de estilo barroco que constitúe unha das pezas máis valiosas do templo. A este súmanse un retablo lateral de estilo neogótico, datado entre os séculos XIX e XX, e outros dous retablos laterais que combinan elementos neoclásicos con características populares, o que evidencia a evolución artística e cultural da parroquia ao longo dos séculos.
O actual edificio substituíu unha igrexa anterior mencionada en documentos medievais baixo o nome de Sancto Vicentio de Muros. Este antigo templo foi matriz das parroquias veciñas de Poutomillos e San Xoán do Alto, o que subliña a súa importancia histórica como centro relixioso da zona.

O atrio da igrexa está adornado cun cruceiro que achega un valor artístico adicional ao conxunto, sendo unha mostra do fervor relixioso e a tradición escultórica de Galicia. Ademais, a igrexa está rodeada polo camposanto, onde repousan xeracións de habitantes da parroquia, pechando un círculo de espiritualidade e memoria colectiva.
A tan só 500 metros da igrexa atópase a capela de San Bartolomeu, un pequeno templo que complementa o patrimonio relixioso da parroquia e que, xunto coa igrexa principal, forma parte das rutas de interese cultural da zona.
Nas proximidades tamén se atopa o recoñecido templo de Santa Eulalia de Bóveda, un dos monumentos máis emblemáticos de Galicia, famoso polos seus frescos de orixe romana e a súa singular arquitectura, o que o converte nun punto de visita obrigada para os amantes da historia e da arte.