A maxia das parroquias: San Xoán de Tirimol

LugoXa
A parroquia de Tirimol conta con oito lugares ou núcleos de poboación: Bagueixos, A Brea, Cardelle, Grisín, Padín, Pedrouzón, Ramil e Seivane
Parroquia-de-Tirimol-Lugo
18 Jan 2025

Jessica Fernández

A parroquia lucense de San Xoán de Tirimol atópase a escasos quilómetros da capitalidade, ao norte, entre o polígono industrial do Ceao, a fronteira co Concello de Outeiro de Rei e a parroquia de Pías. Con esa proximidade á cidade de Lugo, cada vez hai menos habitantes, con datos sen actualizar desde o ano 2007, no que se contabilizaban 362 veciños e veciñas.

A parroquia de Tirimol, ademais, conta con oito lugares ou núcleos de poboación: Bagueixos, A Brea, Cardelle, Grisín, Padín, Pedrouzón, Ramil e Seivane. Porén, iso non dificulta a celebración de festas, como as patronais, que teñen lugar no San Xoán, o patrón desta parroquia. Ademais, cabe destacar que a parroquia conta cunha agrupación social; a asociación de veciños cultural e deportiva de San Xoán de Tirimol, que conta cun local social.

A parroquia destaca pola súa igrexa, de planta rectangular e na que destaca a sinxeleza, xa que está pouco ornamentada, con pouca decoración. Xunto á igrexa, que contén un pequeno campanario enriba dela, hai un cemiterio onde teñen lugar os enterramentos dos veciños e veciñas que aínda elixen esta parroquia para dicir adeus aos seus.

Ademais, esta igrexa escondía unha xoia da arte barroca, tres retablos de Domingo de Andrade, arquitecto do século XVII que traballou nesta peza con Bernabé García de Seares para entregar a Santa María A Nova, pero investigadoras sinalan que a finais do século XIX tivo lugar o traslado dos retablos á Igrexa de Tirimol. No retablo maior destaca a decoración na parte superior, e nel atópase un escudo de orde dominica, cuxo sagrario na parte media conservaba a data de construción gravada, o ano 1692.

Así, este conxunto na Igrexa de Tirimol é un dos máis importantes tallados en Lugo no século XVII, engadindo, ademais, o feito de que os traballos foron feitos por un dos arquitectos máis importantes da época barroca galega, Domingo de Andrade.

0.16257381439209