A maxia das parroquias: San Xoán do Alto
A pouco máis de 9 quilómetros de Lugo atópase a parroquia de San Xoán do Alto, por onde pasa unha das últimas etapas do Camiño Primitivo dende a que é posible contemplar, polo menos dende a distancia, a cidade amurallada. Abelairas, A Costa, As Cavadas, A Xesta, Seoane e Vilaestévez conforman os núcleos desta pequena freguesía, na que destaca a nivel patrimonial a súa igrexa, visible a escasos metros dende a estrada, que mantén as súas orixes medievais e unha planta de estilo románico.
Precisamente, a ruta xacobea influíu moito no uso que se lle daba ao templo orixinal, que foi doado á Diocese de Lugo no ano 897 e funcionou como un convento familiar para atender aos peregrinos na seu camiño a Compostela. Sobre esta estrutura de mosteiro dúplice erixiuse a construción actual. Unha das súas singularidades é que o pórtico atópase separado da fachada da entrada á igrexa. Compóñeno oito columnas redondas con capiteis moi sinxelos e de escas ornamentación por seren de tipo dórico. Unha celosía cuadrangular cunha rosácea preside a sinxela porta occidental. Xa no interior, a sancristía conta cunha planta rectangular e teitume de madeira, material que tamén cobra a nave.
A capela maior está reforzada con contrafortes e presidida por un arco triunfal de medio punto sobre pilastras encastadas á parede e cuberta dunha bóveda de canón. Gran parte do valor artístico e patrimonial concéntrase no extraordinario retablo barroco do XVIII, dominado por un carácter rústico e colorido. As imaxes, que carecen de valor artístico e se manteñen en distintos estados de conservación en función da súa localización, e as columnas salomónicas compoñen o gran protagonista da igrexa, que ocupa todo o teitume da capela maior.
Porén, chama especial atención un dos retablos menores, tamén de estilo barroco, situado no lateral dereito do altar. Esta peza e a súa polémica intervención conseguiron poñer a San Xoán do Alto no mapa, xa que no 2014 dous veciños do lugar decidiron rehabilitar a figura, que se perdera na última reforma e levaba dúas décadas esquecida.
Ademais de intentar recuperar as formas e os volumes da obra deteriorada, decidiron estudala e devolverlle a súa policromía, restauración que non foi ben recibida polo Bispado, pero que se mantén na actualidade. Xunto coa retirada do retablo, as obras realizadas no templo durante a década dos 90 tamén tiveron como resultado a perda de parte da historia do lugar, xa que coa remodelacións desapareceron os seus frescos. As pinturas murais encontrábanse no altar e no lateral que agora garda a obra restaurada, aínda que non se determinou ata o momento se formaban parte da construción inicial ou eran posteriores ao século XI.