A maxia das parroquias: Santa Eulalia de Mazoi
A parroquia de Santa Eulalia de Mazoi conta na actualidade cun total de noventa e nove habitantes repartidos en catro núcleos de poboación que son Barcia, Cacabelos, Cerracín e Mazoi. Todos teñen unha poboación similar, cerca dos trinta habitantes, salvo Barcia que conta con catorce habitantes e é o núcleo menos poboado.
Esta parroquia está situada a unha altitude de 450 metros e por ela transcorren os Regos de Barcia e de Mazoi, a pouco máis de cinco quilómetros da capital linda coa parroquia de Pías.
A igrexa de Santa Eulalia de Mazoi está ubicada nunha carballeira e consiste nun edificio románico, de pequenas dimensións e sinxeleza construtiva. Conta con aparello de perpiaños irregulares mesturados con pequenas laxes de lousa, actualmente un revestimento de morteiro oculta gran parte dos antigos perpiaños, especialmente nos muros da nave e da ábsida.
De planta rectangular está igrexa ten unha cuberta de madeira e lousa a dúas augas e a porta principal alintelada, cun tímpano semicircular monolítico e liso e a porta lateral dereita alintelada simple. As xanelas son rectangulares, cun amplo derrame interior, e están situadas unha sobre a porta principal e outras dúas nos laterais.
No seu interior conta cun arco triunfal de medio punto, a sancristía está encostada ao lateral esquerdo da ábsida coa que se comunica dunha sinxela porta alintelada. O retablo maior da igrexa de Mazoi é de estilo clasicista e datado do século XVII, o frontal do altar é de madeira e na sancristía consérvanse columnas e restos de ferros de madeira doutro retablo.
Unhas obras realizadas na igrexa, que obrigaron a desmontar o retablo maior descubriron interesante conxunto pictórico que ocupa todo o muro interior da cabeceira, cunhas medidas de mas de catro metros de ancho e unha altura máxima de case tres metros e medio. Está realizada con cores amarelas, ocres, vermello, azuis, grises e negros e representa a Anunciación a María.
Na súa parte superior pódese ver unha representación do Pai Eterno, rodeado de mandorla e do cal sae uns raios de luz que atravesan unha pomba, símbolo do Espírito Santo. Tamén aparece a figura de San Gabriel, en tons claros e tamén a Virxe, que non está completa.
O conxunto pictórico ten como base un xadrez romboidal, con cadros en dúas cores que da sensación de perspectiva e tamén conta con motivos vexetais moi xeométricos. A pesar de que a obra ten trazos románicos,está considerada máis tardía, seguramente feita por un artista popular.
Unido a este patrimonio arquitectónico a parroquia de Santa Eulalia de Mazoi garda un lugar chamado Alto do Castro. Situado en Castelo é un pequeno castro nun outeiro e que está formado por dous recintos de forma oval e que contan cun terraplén arredor a modo de defensa.