A maxia das parroquias: Santa Marta de Fixós
Esta pequena freguesía conta cunha igrexa parroquial de pequenas dimensións que non está en bo estado
Santa Marta de Fixós é unha das máis de cincuenta parroquias que compoñen o concello de Lugo. Esta pequena parroquia conta na actualidade cun total de 27 veciños dos cales dezaseis son homes e once mulleres repartidos entre os seus catro núcleos de poboación Fixós, Santa Marta, Portoganoi e Reboredo. Estes dous últimos son os que menos poboación concentran cun total de dous habitantes cada un e Santa Marta é o máis poboado, con trece habitantes.
Lindeira coas parroquias de Saa, Soñar, Coeses e San Xoán do Campo esta pequena freguesía conta cunha igrexa parroquial de pequenas dimensións e que na actualidade non se atopa en moi bo estado de conservación. Conta cunha nave principal con cuberta de madeira e lousa a dúas augas e tanto a porta principal como a lateral alinteladas.
A capela maior ten forma cuadrangular e unha cuberta de madeira a catro augas ademais conta tamén cun arco triunfal de medio punto sobre piares con imposta xeométrica. O retablo é barroco popular, datado no século XVIII con catro columnas salomónicas no corpo inferior e dúas máis pequenas no corpo superior. Ten un tamaño de máis de tres metros de ancho e nel hai figuras de Santa Marta, titular da parroquia e a Virxe, ambas datadas no séculos XVIII e outras dúas imaxes actuais. No ático atópase unha pequena talla de medio corpo que representa ao Pai Eterno bendicindo.
A sacristía ten unha cuberta unha auga e conserva no seu interior dúas figuras, unha de Santa Marta, ambas de arte popular e en avanzado estado de deterioro. Esta igrexa conta tamén cunha pila bautismal de granito decorada. O núcleo de Portoganoi conta cunha pequena capela de planta rectangular con cuberta de madeira e lousa a tres augas. No interior ten un retablo sen pintar de case dous metros de ancho con imaxes de San Benito, San Juan e outro santo sen identificar e tamén un cáliz do ano 1783.
A fundación desta capela ten data anterior da terceira década do século XIX segundo un diploma firmado por Fernando VII con data do 23 de marzo de 1824 no cal recoñece a concesión da cruz de Cabaleiro da Orde Americana de Isabel a Católica a José María Padilla, presbítero. Este documento está conservado no interior da capela nun bo estado de conservación. Unido a este patrimonio cultural na parroquia de Santa Marta de Fixós pódese desfrutar dende hai pouco dun museo etnográfico con diferentes aparellos e ferramentas de uso agrícola. Este espazo privado é obra de José Varela, un veciño da parroquia.