A maxia das parroquias: Santiago de Meilán
Conta cunha igrexa parroquial da que xa se conservan documentos históricos do ano 757
A parroquia de Santiago de Meilán está situada á beira do río Miño, a unha altitude de catrocentos metros e a unha distancia de oito quilómetros da capital lucense. Esta parroquia do municipio de Lugo conta na actualidade con 299 habitantes segundo o Instituto Nacional de Estadística repartidos entre os núcleos de poboación de Castro, Distriz, Guntín, Milleirós, Pacios, Rubiana, Tolda de Milleirós, Vilar, Barreira e Devesa.
Lindando coas parroquias de Adai, Bocamaos e Tirimol, Santiago de Meilán conta cunha igrexa parroquial da que xa se conserva información en documentos do ano 757, onde se recolle a construción deste templo na honra a Xesucristo e ao Santiago Apóstolo e tamén se conserva un segundo documento do ano 762 , o testamento do bispo Odoario, que recolle que foi el mesmo quen ordenou a reconstrución da primitiva igrexa de Meilán.
O templo que actualmente se pode visitar é un bo exemplo de estilo románico rural datado do século XII pero que conta con diferentes reformas, especialmente unha de finais do século XVII e principios do XVIII. Nestas últimas reformas a fachada occidental foi reconstruída, na parte norte construíronse novas dependencias e a sacristía e ademais restaurouse a torre campanario pegada ao muro sur do presbiterio.
Da primitiva igrexa románica pódese apreciar a nave rectangular cunha cuberta de madeira e lousa a tres augas. Por outro lado a fachada principal, reformada totalmente no barroco, conta cunha porta alintelada na que se pode apreciar unha representación en pedra de Santiago. No lateral esquerdo consérvase outra porta de aspecto románico e no lateral dereito hai indicios doutra entrada que hoxe está tapiada. A construción conta con catro ventás, dúas a cada lado e un coro de madeira en alto.
A ábsida, con forma semicircular precedida por un tramo recto, conecta coa nave a través dun arco triunfal de medio punto sobre semicolumnas con capiteis de decoración vexetal cun renovado tratamento escultórico. O tramo recto conta cunha bóveda de canón e o semicircular cunha bóveda de cuarto de laranxa. Tanto a nave como a ábsida conservan ménsulas decoradas con motivos antropomórficos de carácter obsceno e motivos zoomorfos no que algúns son facilmente recoñecibles mentres que outros están demasiado deteriorados.
A torre campanario situada no lado sur do presbiterio conta cunha planta cuadrangular e está formada por dous corpos graduados separados por unha cornixa. A parte superior da torre dispón dunha cúpula de media laranxa que alberga no seu interior catro campás situadas baixo arcos de medio punto, dúas posúen inscricións e datas de 1773 e 1804 respectivamente.
Dentro da igrexa pódese apreciar o retablo maior, de estilo barroco, no que hai columnas salomónicas a unha escultura de Santiago cuberto cun hábito en verde e ouro, unha capa vermella e un sombreiro. A figura de Santiago está representado tamén cun libro e báculo. Desta mesma época son as figuras de San Xosé, San Pedro e unhas imaxes da Inmaculada. Ademais deste retablo principal a igrexa de Santiago de Meilán posúe dous retablos laterais da mesma época con imaxes de San Antonio e a Virxe.
Na parroquia, ademais de visitar esta igrexa declarada Ben de Interese Cultural de Galicia, tamén podemos desfrutar da contorna natural, Reserva da Biosfera.