A maxia das parroquias: Santo Estevo de Benade
A parroquia de Santo Estevo de Benade está situada ao norte da capital lucense, rodeada polas parroquias de Mazoi, Muxa, Rubiás e Teixeiro e limitando xa co concello de Outeiro de Rei. Con acceso pola estrada que conecta Lugo con Meira é unha zona dominada pola presencia de granito.
Esta pequena poboación lucense conta cun total de 88 habitantes repartidos entre os seus núcleos que son Airexe, Benade, A Fontenova, Mouriz, A Puga, Gundín e Laxe. Gundín é o punto que concentra máis densidade de poboación cun total de 27 habitante e sendo A Puga o lugar con menos densidade tendo na actualidade un só habitante.
O templo parroquial atópase lixeiramente illado dos diferentes núcleos poboados pero ben centrado dentro do territorio parroquial e conta con igrexa, atrio e cemiterio. A entrada a igrexa está enmarcada nun arco de medio punto con molduras lisas semicircular. Na parte superior da porta pódese observar un rosetón e no alto da construción unha torre con seis vans na que destaca a escultura en pedra do Sagrado Corazón de Xesús que coroa todo o conxunto.
A nave principal é rectangular construída sobre estrutura de madeira e cun tellado a dúas augas. Na parede norte posúa unha porta lateral e unha venta, na sur dúas ventás. O presbiterio está máis elevado, con tellado a catro augas, construído tamén en granito.
No seu interior atópanse varios retablos, o maior conta cun Santo Estevo pintado e nos laterais dous cadros de San Xosé e Santiago peregrino dos séculos XVIII-XIX. O retablo situado no lateral norte e de estilo neogótico onde se poden atopar un San Antonio e un San Sebastián ademais de algunha talla barroca do século XVIII. A igrexa conta tamén con dúas cruces parroquiais de metal e un Cáliz de prata cicelada.
Dentro desta parroquia, ademais da súa igrexa, tamén poderemos visitar a casa de Fidalgo no núcleo Fontenova onde poderemos aprecia o escudo realizado en granito que conta cunha torre, unha aguia e unha árbore. Pegada a esta vivenda atópase a casa de Pedregueira, que anteriormente era coñecida como casa de Bares na que podemos apreciar o seu lintel decorado.