A maxia e a música, protagonistas do Festival Folk do Corgo
O Concello do Corgo, coa colaboración da asociación cultural A Legua Dereita, organiza a décimo novena edición do Festival Folk no río Chamoso, na praia fluvial do Corgo. A cita será esta fin de semana e comezará o sábado cunha xornada de maxia. O Mago Antón presenta Mil Maxias máis e haberá tres sesión dende as 17.00 horas da tarde.
A música tampouco falta no programa, xa que os asistentes poderán gozar dos concertos de Brendan Shine e de La Penúltima Sabinera a partir das 22.30 horas. O festival continúa o domingo a partir das 12.00 horas con feira de artesanía e oficios tradicionais. Tamén actuará Legua Dereita do Corgo e, xa pola tarde, terá lugar a Romaría Folk coa participación da asociación recreativa Os do 21 do Vicedo e de A Legua Dereita do Corgo.