A maxia nas parroquias: San Vicente de Pías

LugoXa
O núcleo de Lugo conserva un dos mellores exemplos de arquitectura románica de toda a provincia
san_vicente_de_pias
13 Xul 2024

A pouco máis duns 8 quilómetros de Lugo atópase a parroquia de San Vicente de Pías, nos altos formados polos montes de Pedrouzos, Os Grañedo e A Pantoxa. Limita ao norte con concello de Outeiro de Rei, ao este con Santalla de Mazoi, ao sur con San Lorenzo de Albeiros e Santiago de Meilán e ao oeste con San Xoán de Tirimol e Silvarrei.

Os ríos Araos e o de Porto de Lugo, que desembocan no Miño, atravesan este núcleo poboacional, tradicionalmente dedicado ás actividades gandeiras e agrícolas. Destaca a súa igrexa construída durante a época romana, no século XII, preto do cemiterio parroquial. A pesar de sufrir varias restauracións ao longo dos anos e de que non todos os seus elementos decorativos conseguiron chegar ata os nosos días, a capela situada na aldea de San Vicente goza dun moi bo estado de conservación.

A súa arquitectura e a súa relevancia histórica e cultural convértena nun dos mellores exemplos románicos de toda a provincia. Presenta unha planta rectangular cunha única nave e unha cabeceira semicircular. Un arco de medio punto e un tímpano con releves decoran a súa fachada principal. Precisamente, un dos elementos que máis chaman a atención é a súa portada, que está decorada con animais e figuras humanas.

Entre os últimos traballos realizados no templo, acometeuse a reparación do valioso artesonado, que mesmo chegou a estar apuntalado, e a restauración dos importantes retablos. No interior, pódense apreciar arcos faxóns, capiteis decorados e unha pila bautismal tamén de estilo románico, entre outros elementos.

Na parroquia, da que forman parte núcleos como A Cortlña, Corral de Abaixo, Fafián ou Os Campos, tamén se conserva un cruceiro de pedra, que lle dá nome á aldea onde se erixiu. Mentres que en San Vicente atópase un xacemento arqueolóxico, concretamente os restos dun castro, a uns 200 metros da autovía, con defensas duns cinco metros.

 

 

san_vicente_de_pias_lugo
0.17743802070618