A maxia toma a Muralla de Lugo para celebrar o 25 aniversario como Patrimonio da Humanidade

LugoXa
O Baúl da Maxia encherá as portas do monumento con espectáculos íntimos, visuais e gratuítos para todos os públicos
maxia-na-Muralla-Lugo-25
21 Nov 2025

A Muralla de Lugo converterase durante dúas fins de semana nun escenario no que a ilusión e o misterio serán protagonistas, grazas á proposta impulsada pola área de Alcaldía para festexar o 25 aniversario do recoñecemento da UNESCO. Co obxectivo de achegar este aniversario a toda a cidadanía, o Concello escolleu un espectáculo de ilusionismo deseñado para pequenos grupos, no que o mago Rafa e a ilusionista Lore Lavand levarán a súa caravana teatral ás portas históricas do monumento.

O programa arrinca este sábado na Praza do Ferrol, onde abrirán o seu Baúl da Maxia, un espazo transformado para ofrecer sesións próximas, sorprendentes e cheas de coidado visual, pensadas para espectadores de todas as idades. Pola mañá será Lore Lavand quen conduza os pases, mentres que pola tarde tomará o relevo o mago Rafa, nunha proposta que mestura emoción, asombro e unha estética moi ligada ao universo poético da maxia.

Durante esta primeira fin de semana, o Baúl da Maxia ofrecerá catro pases cada media hora entre as 12.30 e as 13.30.00 horas, e seis sesións pola tarde desde as 17.00 ata 19.30 horas, alternando a presenza dos dous artistas. A seguinte fin de semana, o espectáculo trasladarase á Porta de Campo Castelo, onde se manterán os pases matinais e vespertinos, aínda que con lixeiras variacións horarias para adaptarse ao resto das actividades que forman parte da programación deseñada polo Concello.

O día 29 será Lore Lavand quen protagonice os pases da mañá, mentres que Rafa actuará pola tarde; o domingo 30 será o mago quen abra a xornada matinal antes de que a ilusionista conclúa o programa cos pases vespertinos. Tanto na Praza do Ferrol como en Campo Castelo, os pases serán de acceso libre e gratuíto, convertendo esta proposta máxica nun dos eventos máis destacables das celebracións do aniversario da Muralla.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, salientou que a Muralla posúe “un elemento máxico que conecta co imaxinario da cidade”, polo que considerou idóneo celebrar a efeméride cun espectáculo que unise patrimonio e arte. Subliñou ademais que a intención era que a maxia tivese “un papel protagonista”, tanto pola súa capacidade para emocionar como polo seu valor simbólico, ao encher de vida e poesía distintos tramos do monumento.

⚙ Configurar cookies
0.078275918960571