O Concello de Lugo propón contratar á UTE para o servizo de limpeza da cidade

LugoXa
La mesa de contratación del servicio de recogida de basura y limpieza propone adjudicar la concesión a la UTE Copasa - Geseco - Setec Building.
recollida lixo contedores
5 Dec 2021

A mesa de contratación, reunida para valorar ás dúas empresas que chegaron coa mellor puntuación ao final do proceso de contratación do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria do Concello de Lugo, acordou excluír a Ascan Servizos Urbanos S.L. por non existir coherencia entre a oferta técnica e a económica, así como propoñer como adxudicataria á UTE integrada por Copasa, Geseco e Setec Building.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, incidiu en que “á licitación, que comezou en xullo de 2020, concorreron oito empresas e para avanzar durante todo este tempo tiveron que resolverse varios recursos que presentaron aquelas que ían resultando excluídas. Agora, nun proceso que é totalmente garantista, se mantén aberta a posibilidade de que se presenten novos recursos, mais dende o Concello estamos dando pasos en firme para poder culminar o procedemento canto antes, tendo en conta que se trata dunha das concesións que, con maior urxencia, precisa actualizar a cidade”.

O edil lembrou que “xa a propia Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu conta do cambio cuantitativo e cualitativo que suporá este contrato na mellora das prestacións pero tamén na percepción que a cidadanía terá sobre a calidade da mesma”.

A licitación, que terá unha duración de dez anos improrrogable, suporá un investimento de 134’1 millóns de euros, o que a converte na de maior contía económica do municipio xa que suporá ao redor do 13% de cada orzamento anual. Un incremento que case duplica ao do contrato anterior.

O novo servizo incluirá a execución de todas as operacións precisas para a consecución da mellor limpeza posible dos espazos públicos, beirarrúas, calzadas e zonas peonís, incluídas as manchas no pavimento, as follas ou froitos do arboredo, os residuos voluminosos, así como os excrementos de animais e as herbas que proliferan nos bordos, beirarrúas e escaleiras, ademais das pintadas. Tamén como tarefa ordinaria contemplará o aseo e baleirado de papeleiras e incrementarase non só a frecuencia coa que se realizan os labores, senón tamén o número de dispositivos especiais que se desenvolverán acordes a existencia de áreas de alta densidade residencial, contornas industriais, ou zonas como o mercado, praza de abastos, mercadiños ou espazos de ocio, axustándose ás necesidades específicas de cada un deles.

A adxudicataria deberá, ademais, renovar a totalidade dos colectores actuais - case 3.700 en todo o termo municipal - e aumentalos ata un mínimo de 4.200, incorporar a recollida selectiva orgánica, de aceites, téxtil e a compostaxe individual e comunitaria e incrementar o persoal, a maquinaria e os vehículos, que deberán ser de gas natural, eléctricos ou híbridos. Igualmente, outros dos requisitos que figuran nas bases é a creación dunha planta de gas para a subministración de todo o parque móbil municipal.

Para a rexedora Lara Méndez, este contrato suporá un fito co que avanzar na segunda transformación do Lugo verde e amable, deseñado xa durante o anterior mandato e que situará ao concello na vangarda como un referente en limpeza, pero tamén en parámetros sociais e de sustentabilidade. Deste xeito, outras das imposicións determinadas no expediente incentivan o emprego de produtos reutilizables, reciclables ou valorizables, a redución de emisións contaminantes e sonoras, a aplicación de tecnoloxías eficientes que minimicen os consumos de enerxía, etc... co fin de provocar o menor impacto medioambiental posible e evitar molestias á veciñanza.

0.16350197792053