A Milagrosa acolle una programación de Nadal con dúas semanas de actividades para todos os públicos

LugoXa
Obradoiros, contacontos, actuacións de maxia e visitas de Papá Noel e os Reis Magos animarán o barrio ata o 6 de xaneiro
Nadal-na-Milagrosa-Lugo-2025
22 Dec 2025

A Asociación de Empresarios e Comerciantes do barrio da Milagrosa, en Lugo, poñerá en marcha a programación ‘Nadal na Milagrosa’, unha iniciativa que inclúe unha ducia de propostas lúdicas pensadas para toda a familia e que se desenvolverán en distintas localizacións do barrio.

A programación arrincará esta mesma tarde, ás 17,30 horas, co obradoiro ‘Ven pintar o teu adorno de Nadal’, que terá lugar no centro social da Praza da Milagrosa e será impartido por Bebé Ratón. Mañá, ás 18,00 horas, o mago Rafa ofrecerá a súa actuación no colexio Divina Pastora-Salesianos, e unha hora máis tarde os máis pequenos recibirán a visita de Papá Noel na pista de xeo da praza, onde poderán entregar as súas cartas.

As actividades continuarán o venres 26 de decembro, ás 17,00 horas, cunha sesión de contacontos a cargo de ‘Saving Christmas’, tamén no centro social. O domingo, os Bolechas estarán na praza da Milagrosa a partir das 17,00 horas e, a continuación, haberá unha exhibición do alumnado da escola de danza Stardance.

O martes 30 de decembro dedicarase ás persoas maiores cunha chocolatada na praza e un concerto de Verónica Cambón no centro social.

Xa no novo ano, as propostas centrarase no público infantil. O día 2 de xaneiro haberá xogos de Nadal e un obradoiro de repostería, mentres que o 3 de xaneiro se celebrará unha sesión de contacontos e un obradoiro de Reis, ambos no centro social. O 5 de xaneiro, o Paxe Real recollerá as cartas dos nenos e nenas, que serán recibidos polos Reis Magos a partir das 20,00 horas na parroquia. As actividades concluirán o propio Día de Reis cunha chocolatada para os pequenos pola tarde na Praza da Milagrosa.

O delegado territorial, Javier Arias, destacou o traballo da Asociación de Empresarios e Comerciantes da Milagrosa para elaborar unha programación completa que contribuirá á dinamización social e comercial do barrio durante as festas de Nadal.

⚙ Configurar cookies
0.078284025192261