A Milagrosa aposta polo deporte cun torneo de baloncesto e outro de xadrez
O barrio da Milagrosa continúa a desvelar o programa para as súas festas, no que teñen un gran protagonismo as propostas deportivas. Ademais de desenvolver o I Open Nacional de Petanca, o vindeiro luns 2 de setembro poñen en marcha o Mila Two Ball Basket, unha proposta para os amantes da cancha organizada pola Asociación de Empresarios e Comerciantes e a Fundación Breogán. Os interesados poden anotarse no stand da fundación.
Pero antes, concretamente o sábado 31 de agosto, organizan o Torneo de Xadrez Festas da Milagrosa a partir das 17.00 horas. A través desta iniciativa entregarán trofeos por categorías absoluta, sub 18, sub 14. Sub 12, sub 10 e sub 8. O ritmo de tempo será de 5 minutos e de 2 segundos. Os que queiran participar poden anotarse a través do 657 974 937. É unha proposta organizada pola comisión de festas do barrio, coa colaboración da Escola Luguesa de Xadrez, o Concello, a Deputación e a Xunta.