A militancia de Lugo recibiu a José Tomé Roca e a súa proposta para o PSdeG na provincia

LugoXa
José Tomé Roca mantuvo una reunión con los militantes del partido de la comarca de Lugo para presentar su proyecto del PSdeG en la provincia.
camiñamos xuntos jose tome lugo
5 Feb 2022

No marco da campaña Camiñamos Xuntos, José Tomé Roca, candidato á Secretaría Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, mantivo na tarde deste venres unha reunión coa militancia da comarca de Lugo. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo programa xuntanzas entre esta semana e a próxima cos militantes de todas as comarcas, presentándolles o seu proxecto para o Partido Socialista de cara ao Congreso Provincial do 20 de febreiro.

A cidade de Lugo acolleu na tarde de onte a reunión entre Tomé Roca e os militantes da capital e dos concellos do Páramo, Portomarín, Outeiro de Rei, O Corgo, Guntín, Castroverde e Friol. O socialista visitou a cidade lucense tras manter reunións nos últimos días na comarca da Mariña, en Monforte de Lemos e en Chantada.

No encontro, José Tomé fixo fincapé en “colocar á militancia no centro do meu proxecto”. “Por iso fago este percorrido por toda a provincia aínda que non haxa votacións. Quero estar cerca dos compañeiros e compañeiras, explicar as ideas que teño para o partido e escoitar as súas opinións e propostas, para darlle entre todos e todas un novo impulso ó socialismo na provincia”, explicou.

Aproveitando a súa presenza na capital da provincia, o candidato socialista insistiu na importancia de consolidar os gobernos socialistas nos diferentes municipios e conseguir novas alcaldías nas municipais do vindeiro ano “porque iso será bo para os nosos veciños e veciñas”. “Gobernamos para o 65% da poboación lucense, incluíndo a cidade de Lugo, e gobernamos na Deputación. Polo tanto, temos un bo punto de partida, dende o que temos que traballar para seguir ampliando esta forza e representación institucional”, subliñou o candidato.

Neste sentido, o socialista remarcou a importancia de gobernar na Deputación de Lugo para os municipios pequenos. “Cando gobernamos os socialistas o funcionamento é mellor que co Partido Popular. Nos repartos de fondos, os socialistas non miramos as cores do goberno de cada municipio, todos reciben o que lles corresponde”, sinalou.

Deste modo, “os socialistas debemos estar unidos e contar coa militancia para consolidar os gobernos que lideramos e apostar por eses municipios nos que temos claras opcións de gobernar”, recalcou Tomé Roca.
A iniciativa Camiñamos Xuntos inclúe reunións entre o candidato e a militancia este sábado en Becerréa e Sarria, mentres que en Vilalba estará o domingo. O próximo martes visitará Pol e A Fonsagrada.

0.17207407951355