A ministra de Transportes anuncia a inclusión de Lugo no Corredor Ferroviario de Mercadorías
Ao anuncio sobre a futura entrada de Lugo na rede transeuropea de transportes sumouse tamén o compromiso de que o Goberno de España impulsará a creación de 1.200 vivendas de protección oficial na provincia.
A titular do Ministerio de Transportes, Raquel Sánchez, realizou onte unha visita á capital para coñecer de primeira man o alcance que terá para o municipio a construción da nova infraestrutura ferroviaria, a intermodal.
Sánchez aproveitou a súa estancia na cidade para repasar algúns dos proxectos máis importantes que o Executivo central está a desenvolver no territorio, como a electrificación da liña Monforte - Lugo “en lo que puede considerarse la mayor inversión que se hace en la infraestrutura ferroviaria de la provincia desde su construcción” e anunciou que o Goberno de España impulsará a inclusión da liña Coruña – Lugo na rede transeuropea de transporte.
“Saben, además, que acabamos de aprobar la primera Ley de Vivienda en la historia de la democracia y que tenemos proyectada la creación de 1.200 viviendas de protección en la provincia de Lugo, frente a las 1.600 que en su día el Gobierno del Partido Popular anunció para todo el país”, sinalou a titular de Transportes, con relación aos proxectos da Administración estatal con repercusión para a localidade lucense.
Non faltaron palabras de apoio á candidata á Alcaldía: "A Estación Intermodal de Lugo será moi pronto unha realidade grazas á perseverancia e tesón da alcaldesa, Lara Méndez”.
Pola súa parte, a rexedora, Lara Méndez, agradeceu a visita de Raquel Sánchez pero, sobre todo o seu compromiso e o compromiso do Executivo de Pedro Sánchez para con Lugo, sinaladamente en materia de infraestruturas.
“As comunicacións son fundamentais para ter competitividade, esta é a máxima que defendemos sempre para ter capacidade de desenvolvemento social e económico, do contrario teríamos un illamento que perxudicaría gravemente a nosa cidade e, polo tanto, sempre defendín esta premisa independemente de quen gobernara en Madrid, porque eu non atendo a cores senón a necesidades deste concello”, lembrou Méndez.
A alcaldesa destacou que “estamos facendo grandes esforzos para atraer empresas e inversións para o municipio, como, por exemplo, a través da estratexia Lugo Transforma, co obxectivo de crear riqueza e postos de traballo na nosa cidade e, polo tanto, as conexións son fundamentais neste sentido para que compañías que están ubicadas noutros puntos da xeografía se poidan asentar en Lugo”.
Logo de destacar o fito de que dende dende o Goberno central se aposte con decisión para que o tramo Ferrol-A Coruña-Betanzos-Lugo-Monforte obteña o cofinanciamento da Unión Europea, presentando a conexión de Lugo aos fondos comunitarios, a rexedora incidiu na importancia de que os compromisos das Administracións se reflictan no BOE, en alusión á construción da Estación Intermodal.
“Un anuncio que resulta outro paso fundamental para a mellora das conexións da cidade”.
As obras previstas neste contrato comprenden o novo edificio de viaxeiros, un novo paso baixo vías, a adecuación de plataformas e construción de marquesiñas, a demolición do edificio de Correos anexo á actual estación de ferrocarril e a urbanización da contorna urbana.
A actuación forma parte dos acordos alcanzados no Convenio de colaboración asinado o 17 de marzo por parte de Mitma, a través de Adif, a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo para o desenvolvemento da nova área de transporte intermodal de Lugo e a súa contorna urbana.