A mocidade de Lugo mostra a súa preocupación polo emprego e a vivenda no primeiro encontro da Axenda Urbana
O emprego, a vivenda e o coidado medioambiental son algúns dos temas que máis preocupan á xuventude lucense. Ao redor dunha vintena de mozos e mozas participaron este mércores no primeiro encontro de participación cidadá que organizou o Goberno de Lara Méndez no CEI Nodus, enmarcado no plan de acción Axenda Urbana 2030 do Concello.
O obxectivo destes encontros é escoitar as súas ideas, inquietudes e motivacións. Neste senso, os participantes mostraron especial preocupación por temas como o emprego, as posibilidades de traballar na cidade sen ter que marchar fóra; as deficientes comunicacións do municipio; o alto prezo da vivenda, que dificulta accedera a unha, a situación medioambiental ou a capacidade de mellora do transporte público.
Este é o primeiro dos encontros coa mocidade lucense que organizará o executivo. Nestes encontros se debaterá sobre os retos e desafíos do futuro e sobre as propostas en materia de mobilidade, medio ambiente, vivenda, inclusión social, participación cidadá, emprego e economía circular.
O Plan de Acción da Axenda Urbana, baixo o paraugas Lugo Cidade Viva, é a folla de ruta coa que se dotará a cidade para marcar a estratexia que dará continuidade a deseñada e posta en marcha xa no mandato pasado coa sostibilidade como eixo transversal.