Elena Candia proclámase alcaldesa de Lugo con 13 votos a favor e 12 en contra

Elena Candia é a nova alcaldesa de Lugo despois de que a moción de censura presentada polo Partido Popular de Lugo saíse adiante con 13 votos a favor e 12 en contra nun pleno extraordinario celebrado este xoves 7 de maio de 2026.
A iniciativa contou co apoio da concelleira non adscrita María Reigosa, que accedera ao goberno local en novembro tras o falecemento de Pablo Permuy e que, despois de abandonar o grupo socialista, pechou un acordo coa candidata popular para desaloxar do executivo municipal ao bipartito formado por PSOE e BNG. Con este resultado, o Partido Popular recupera a Alcaldía de Lugo 27 anos despois de gobernos progresistas.
O pleno desenvolveuse nun ambiente de forte tensión desde o inicio, cunha elevada presenza de medios de comunicación e persoal de confianza dos distintos grupos políticos, o que completou o aforo da sala antes do comezo e impediu a entrada de calquera membro do público. A familia de Elena Candia tampouco puido acceder ao interior do consistorio para presenciar a súa toma de posesión.
A mesa de idade, formada por Flor Rubinos como concelleira de maior idade e Iria Buíde como a máis nova, protagonizou un debate sobre a xestión dos accesos. Mentres a representante popular defendía permitir a entrada do público, a concelleira máis nova considerou necesario consultar o xefe da Policía Local por motivos de seguridade. Durante esta discusión, no exterior continuaron os berros na praza, sen chegar a interromper a sesión.
No inicio do pleno, Elena Candia tomou a palabra para lamentar non poder estar acompañada pola súa familia e defendeu a legalidade do proceso, asegurando que a moción foi rexistrada hai dez días “respectando a normativa, a lexislación e avalada polo Tribunal Constitucional”, engadindo ademais que chega á Alcaldía “despois de gañar as eleccións”.
O goberno local saínte interveu cun discurso de despedida no que puxo en valor o traballo realizado durante o mandato, agradeceu o esforzo compartido e lembrou aos compañeiros falecidos, defendendo que “Lugo é mellor”.
Pola súa parte, a concelleira non adscrita María Reigosa rexeitou empregar o seu turno de palabra para explicar o seu apoio á moción, unha decisión cualificada como inusual no pleno.
Finalmente, Ramón Cabarcos defendeu a lexitimidade da moción e realizou un percorrido polos problemas da cidade e da xestión municipal que, segundo sinalou, xustifican o cambio de goberno.

PRINCIPAIS MEDIDAS DO NOVO GOBERNO LOCAL DO PP
Elena Candia, tras ser elixida alcaldesa de Lugo co apoio de 13 concelleiros, iniciou a súa intervención agradecendo o respaldo recibido nos últimos días e o acompañamento da súa familia, especialmente do seu pai e do seu padriño, aos que atribuíu os valores de esforzo e honestidade que, segundo dixo, marcan a súa traxectoria.
A nova rexedora subliñou que asume esta responsabilidade con “ilusión, compromiso e sentido do servizo público”, asegurando que o seu proxecto non se centra no persoal senón na cidade: “isto non vai de min, vai de Lugo”. Defendeu unha forma de gobernar baseada na proximidade, na empatía e no traballo para toda a cidadanía, apelando á unidade institucional e ao respecto.
Candia anunciou un plan de acción de preto de 50 medidas para executar nun prazo dun ano, co obxectivo de “recuperar o orgullo de cidade” e avanzar nun modelo de xestión centrado nas persoas. Entre as súas prioridades situou o reforzo das políticas sociais, o apoio a entidades como ALUME, ADACE, ALUCEM, AFALU ou CAPACES, e a axilización dos convenios de colaboración.
En materia social, comprometeu a redución das listas de agarda do servizo de axuda no fogar e a creación do Consello do Maior. Tamén anunciou o reforzo dos servizos de conciliación, un plan municipal de saúde mental e melloras na atención aos novos veciños e profesionais.
No ámbito da seguridade e dos servizos públicos, asegurou que serán unha prioridade, xunto co reforzo dos cadros de persoal dos profesionais esenciais.
Un dos eixos centrais será a mobilidade, anunciando a revisión do actual plan, a modificación do deseño de carrís bici, o aumento de prazas de aparcadoiro, a mellora do transporte público e a eliminación de “tapóns urbanísticos”.
Tamén defendeu a cooperación con outras administracións, o impulso do rural —incluído o compromiso inmediato co abastecemento e saneamento en Esperante—, así como proxectos como a futura praia fluvial ou a cesión de terreos no Sagrado Corazón para un novo centro de saúde.
Entre outros anuncios, destacou a reactivación de obras en Serra de Meira, a finalización do Plan Paradai, a renovación da protectora de animais, a mellora de parques e zonas verdes, a dinamización económica mediante unha oficina específica e o impulso da marca Lugo Cidade Universitaria.
Candia tamén defendeu a necesidade de revisar tramos de carril bici pouco útiles, resolver tecnicamente as zonas de baixas emisións e poñer en valor espazos como As Caldas ou o pavillón da OJE.
Finalmente, asegurou que o seu goberno comezará a traballar de inmediato cos empregados municipais, convocando o comité de empresa e a xunta de persoal desde o primeiro día.

"UNHA MANOBRA CORRUPTA QUE, AÍNDA QUE SEXA LEGAL, É ILEXÍTIMA"
Antes do inicio do pleno, ás 11:00 horas, foi convocada unha manifestación diante da Casa do Concello promovida pola plataforma cidadá ‘Transfuguismo non, democracia si’. Nela, varios centos de persoas concentráronse na mañá deste xoves diante da Casa do Concello de Lugo para amosar o seu rexeitamento á moción de censura que podería desaloxar do goberno local ao executivo formado por PSOE e BNG. A mobilización, convocada pola plataforma cidadá ‘Transfuguismo non, democracia si’, reuniu a representantes da sociedade civil, cargos políticos e numerosos veciños e veciñas da cidade.
O último en chegar á concentración foi o actual alcalde, Miguel Fernández, nun ambiente marcado pola tensión e polos continuos cánticos contra a operación política impulsada polo Partido Popular coa concelleira non adscrita María Reigosa. Entre as persoas asistentes atopábase tamén a deputada popular Paula Prado, cuxa presenza provocou unha forte reacción entre o público congregado.
Durante a protesta puidéronse escoitar consignas como “Manos arriba, isto é un atraco”, “Transfuguismo non, democracia si”, “A Reigosa, a maior mafiosa” ou “Candia aprende, Lugo non se vende”, coreadas de maneira reiterada polos manifestantes.

Un dos encargados de tomar a palabra foi o escritor lucense Lois Pérez, promotor da plataforma cidadá convocante, que estivo acompañado pola artista Luz Darriba e por outras voces representativas da sociedade lucense. Pérez asegurou que “a cidadanía lucense ve vulnerada esta vontade popular expresada maioritariamente por forzas de esquerdas nas urnas nas últimas eleccións a través dunha manobra corrupta, que aínda que sexa legal, non é lexítima, e está moi afastada do ben común e do servizo á cidadanía”.
O escritor destacou tamén que a concentración pretendía converter esta xornada “nun símbolo de resistencia democrática”, ao afirmar que “por iso erguémonos aquí, ante este bochorno; imos resignificar o que significa gañar e perder nas urnas e así imos mostralo nas eleccións municipais de 2027”.
Durante a súa intervención tamén cargou contra “as políticas do PP”, que “xa coñecemos, pero esta vez é peor, apoiándose nunha tránsfuga”, concluíu.
"UN GOLPE DE ESTADO MUNICIPAL"

Pola súa parte, Rubén Arroxo, como portavoz do BNG de Lugo, arroupado polo seu equipo de concelleiros e concelleiras, formado por Alexandre Penas, Maite Ferreiro, Cristina López e Iria Buíde, agradeceu en primeiro lugar a todas as persoas que se achegaron á Praza Maior para mostrar o seu apoio ao equipo de goberno e defender a democracia en Lugo.
Durante a súa intervención, Arroxo definiu a moción de censura como “un golpe de Estado municipal, algo que nunca se viu na historia de Lugo: unha tránsfuga que está vendendo aos veciños da nosa cidade, e peor, un PP que se atreve a mercadear cunha tránsfuga para intentarse facer co goberno de Lugo a toda costa; un escándalo”.
O portavoz nacionalista asegurou tamén que “a sociedade teme a situación de inestabilidade que se está a crear estes días” e advertiu de que “Lugo é unha cidade digna e non vai esquecer este golpe de Estado municipal que vai dar o Partido Popular”, concluíu.
"UNHA MOCIÓN INXUSTA, INOPORTUNA E INDIGNANTE"

Con respecto ao alcalde de Lugo, Miguel Fernández, agradeceu tamén a presenza das persoas asistentes e definiu a moción de censura como “inxusta, inoportuna e indignante, porque non obedece a construír unha alternativa de goberno para mellorar esta cidade senón que cumpre a ambición e as ansias de poder de Elena Candia, utilizando o Concello como plataforma para chegar a outros obxectivos”.
Durante a súa intervención no pleno extraordinario, o rexedor afirmou ademais que a iniciativa está marcada “sobre a ausencia e a dor do falecemento de tres compañeiros, que se non fora por iso, non tería lugar esta situación”.
Fernández sostivo tamén que a moción é “inxustificada sobre unha mentira, porque esta cidade avanza, desenvólvese, modernízase, ten proxectos”, ao tempo que engadiu que se trata dunha operación política materializada “por unha traición a través da tránsfuga, un comportamento reprobable e denigrante”.
O alcalde concluíu lamentando o impacto institucional da situación e afirmou que “que triste trasladar esta imaxe inxusta e irreal da cidade e que pena acceder á alcaldía, algo tan honorable, o que quere calquera persoa que se dedica á política, que pena mancillar o honor dunha alcaldía como a de Lugo”.