A modificación da ordenanza do ICIO de Antas de Ulla xa está aprobada e publicada
O Concello de Antas de Ulla vén de aprobar a modificación da ordenanza do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), que xa está publicada no BOP e, polo tanto, a exposición pública para consultas e alegacións.
“Unha actualización ventaxosa, con bonificacións que benefician ao conxunto da veciñanza para a realización de novos proxectos e obras no noso concello”, explica a alcaldesa, Pilar García Porto.
O tipo de gravame será progresivo en función do orzamento de execución, polo que todos os proxectos de ata 300.000 euros pagarán menos que na actualidade e os de maior cuantía tamén, se teñen un marcado carácter social, fomentan ou crean emprego, están vinculados coa agrogandeiría ou manteñen tecido empresarial.
En concreto, establécese unha bonificación do 50 % para as construccións, instalacións e obras que afecten a vivendas e outras edificacións vinculadas a proxectos agrogandeiros e para as vivendas de protección oficial.
A bonificación chegará ata o 90 % para as familias numerosas, naquelas actuacións que afecten a súa vivenda habitual familiar, así como para as melloras necesarias para favorecer o acceso e habitabilidade dos discapacitados e dependentes.
Por último, a bonificación pode ser do 95 % para as actuacións declaradas de especial interese ou utilidade municipal, por concorrer circunstancias de fomento do emprego ou porque supoñan melloras nas instalacións existentes.