A mostra 'Galegoza. A canción en galego' chegou ao IES Lucus Augusti de Lugo

LugoXa
Iria Castro e Alexandre Penas convidaron a rapazas e rapaces “a deterse na exposición e achegarse a través dela á música que se está a facer en Galicia”
Galegoza-no-IES-Lucus-Augusti
8 Nov 2024

A mostra 'Galegoza. A canción en galego', impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para dar a coñecer ao público máis novo a amplísima oferta musical no noso idioma, chegou ao IES Lucus Augusti de Lugo.

A deputada de Cultura, Iria Castro, e o concelleiro lucense, Alexandre Penas, acompañados polo director do centro Carlos Cazón, inauguraron a exposición, que repasa o percorrido histórico da música en galego desde os anos sesenta ata a revolución creativa actual, a través das bandas e solistas máis influíntes e representativas en diferentes estilos e incorpora códigos QR cunha ligazón directa a unha lista de reprodución propia do proxecto para poder escoitalas.

Durante o acto, no que o comisario da exposición, Pepe Cunha, guiou ao alumnado pola mostra, Iria Castro e Alexandre Penas convidaron a rapazas e rapaces “a deterse na exposición e achegarse a través dela á música que se está a facer en Galicia” e destacou “a potencialidade das cancións en galego como ferramentas para a dinamización da lingua, subliñando que o momento excepcional que está a vivir a música en galego e as facilidades de escoita que ofrecen as novas tecnoloxías supoñen unha oportunidade que, con iniciativas coma esta, tratamos de aproveitar”.

A mostra, comisariada por Pepe Cunha e deseñada pola directora de arte Belén Freijeiro, estreouse o pasado 9 de outubro no IES Xograr Afonso de Sarria e, nas últimas semanas, estivo no IES Pedregal de Irimia de Meira.

Tras a súa exposición no IES Lucus Augusti, durante as próximas dúas semanas, visitará o IES Monte Castelo de Burela, o IES Dionisio Gamallo de Ribadeo, o IES da Terra Chá en Vilalba, o IES Lama das Quendas, en Chantada, o IES Río Cabe de Monforte e o IES de Quiroga.

Cada centro contará para a inauguración da mostra cunha charla de Pepe Cunha e cunha unidade didáctica arredor da exposición para facilitarlle o traballo ao profesorado e introducir a música en galego noutros proxectos.

0.17244601249695