A Mostra Internacional de Teatro Amador enche Palas de Rei de arte e cultura

O Concello de Palas de Rei acollerá, entre o 20 de agosto e o 6 de setembro, unha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Amador – Teatro no Camiño de Santiago, unha cita que leva 26 anos consolidándose como referente cultural en Galicia. A presentación oficial celebrouse no Salón de Plenos co alcalde Pablo Taboada Camoira, a produtora Ana María García Negro e o director de Metátese Teatro, Afonso García Penas.
O evento, organizado pola Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar de Donas – Os Lobos, conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través do programa Cultura no Camiño, a Deputación de Lugo, o propio Concello e compañías como Metátese e Alentía Teatro.
Este ano o cartel reunirá grupos de Galicia e Cataluña, con propostas para todos os públicos que van desde o teatro familiar ata o drama, pasando polos monicreques e a creación contemporánea. As funcións repartiranse pola Casa da Cultura, a Praza do Concello, o Parladoiro de Arqueixal e a aldea de San Mamede de Coence.
A inauguración será o 20 de agosto con Barrigaverde ataca de novo, de Títeres Alakrán. Seguirán obras como Historias enredadas (Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei), Abra da cabra (Lîlâ Teatro), Helena vs. Penélope (Ses Garbo Girls), Estarei ata o fin (Zoevixión), Intríngulis (Faro Miño), O xuízo (Metátese Teatro), Love Contract (GAT), Maleta aberta (Alentía Teatro) ou Unha árbore vén vernos (Anxo Moure). O peche chegará o 6 de setembro co roteiro teatral Son d’Aldea en San Mamede de Coence.
A Mostra tamén será espazo de homenaxe. O XXV Premio Mácara recoñecerá á actriz María Vázquez; o XX Premio Careón, ao escritor Xosé María Lema Suárez; e o VIII Premio Garabato, ao Foro Galego de Inmigración.
Desde a súa creación, o festival acolleu máis de 300 compañías galegas e trinta de países como Cuba, México, Rusia, Portugal, Francia ou Venezuela, reforzando a súa proxección internacional. Todas as funcións serán de entrada libre ata completar aforo.